Os Premios Martín Códax da Música Galega celebraron este mércores 21 de outubro a súa gala, onde un ano máis entregaron as xa famosas estatuiñas das Melómanas aos proxectos
premiados, así como o premio honorífico, que recaeu na cantora María Manuela.
Moita música en directo e por suposto referencias á pandemia - tanto en clave de humor como reivindicativa.
O acto que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra foi retransmitido en streaming pola web dos Premios. A gala estivo conducida pola actriz e cantante Inés Salvado Gontad e o encargado da dirección musical foi o saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas. Como director artístico da mesma exerceu o actor e dramaturgo Gustavo Dieste.
En representación das entidades patrocinadoras dos Premios da Música Galega Martín Códax, asistiron a Directora de Marketing das Bodegas Martín Códax, María Garrido, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces, o Director da AGADIC, Jacobo Sutil, e en representación da Deputación de Pontevedra contaron con Victoria Alonso, deputada da Área de Cultura e Gregorio Agif, de Promoción Económica.
Entre os e as artistas que se fixeron co galardón, especial mención á Banda de Música d Merza, que estreou nova categoría.
Como nas primeiras edicións do certame a categoría de Música Tradicional e Folk desdobrouse en dúas, resultando premiado Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na de Música Tradicional e Caldo na categoría de Música Folk.
Unha edición onde se reafirmou a forza das mulleres na música galega, resultando premiados proxectos como o de Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia Penide ou Najla Shami, por mencionar tan só algúns deles.
"Estamos aquí!”
No seu discurso final, a xunta directiva de Músicas ao Vivo, ademais de salientar o agradecemento ás e aos participantes, patrocinadores, colaboradores, socias e socios de Músicas ao Vivo e ao xurado, quixo deixar clara a súa reclamación pola desprotección social e laboral endémica que sufre o sector, e que se veu reforzado pola actual crise sanitaria.
Recalcaron a "precaria situación á que moitas e moitos músicos se ven abocados polas cancelacións de última hora, ou as reducións de aforo desmesuradas ou o peche de locais de música ao vivo", entre outras eivas ás que se ven sometidos e sometidas.
Dende Músicas ao Vivo solicitan, entre outras medidas, que “as Administracións manteñan un firme compromiso coa cultura este ano e os vindeiros, coas partidas orzamentarias asignadas e respetando os compromisos adquiridos”. Salientaron a urxen necesidade dunha “prestación extraordinaria por cese de actividade para os músicos e músicas autónomas” que se adapte á singularidade laboral destes/as profesionais, e a necesidade de rebaixar o ive cultural en toda a súa cadea de valor.
PROXECTOS PREMIADOS NAS CATEGORÍAS MUSICAIS
-Proxecto destacado Galego de Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
-Proxecto destacado Galego de Rock: Agoraphobia
-Proxecto destacado Galego de Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
-Proxecto destacado Galego de Metal: Broa
-Proxecto destacado Galego de Canción de Autor/a: Silvia Penide
-Proxecto destacado Galego de Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio
-Proxecto destacado Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
-Proxecto destacado Galego de Electrónica: Músculo!
-Proxecto destacado Galego de Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
-Proxecto destacado Galego de Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
-Proxecto destacado Galego de Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
-Proxecto destacado Galego de Música Folk: Caldo
-Proxecto destacado Galego de Músicas do Mundo: Najla Shami
-Proxecto destacado Galego de Música Infantil: Magín Blando e a Banda das Apertas
-Proxecto destacado Galego de Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
-Proxecto destacado Galego de Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
-Proxecto destacado Galego de Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
PREMIOS ORGANISTRUM
-Salas: Naútico
-Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
-Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas