Coa pandemia da Covid19 en cifras máximas en contaxios e casos activos, as autoridades galegas aínda non divisan o pico da mesma e decretan novas restricións.
Estas novas restricións de nivel máximo anunciadas hoxe fechan a actividade cultural presencial galega en todo o país. Publicaranse no DOG do 26 de xaneiro e estarán en vigor tres semanas, en principio ata o vindeiro 16 de febreiro.
Entre outras medidas, anunciouse que se procederá a fechar museos, centros culturais e todo tipo de espectáculos. Ademais, o comercio non esencial, que inclúe librarías, tendas de discos e outros establecementos de carácter cultural, terá ás 18:00 horas o seu horario máximo de feche. Con carácter xeral, prohíbense as xuntanzas de persoas non convivintes en todo o territorio. O toque de recoller mantense ás 22:00 horas.
A situación do sector da cultura, e o musical en concreto, xa moi precarizado, verase aínda máis castigado.
É momento de que se incida nas necesidades imperantes e nas condicións de aqueles que son os actores principais do sector cultural: aí entran os músicos e músicas. Sen unha vontade real de axuda ás súas traballadoras, ningunha estrutura empresarial ou sector poderá manterse.
Precísase vontade política real para preservar, fomentar e favorecer o traballo das músicas, ofrecer a debida atención e control á protección social e mellorar a súa situación económica e laboral facendo cumprir as normativas vixentes en todo caso, e recoñecer o valor esencial e fundamental da cultura a través dunha declaración da cultura como ben esencial e de primeira necesidade.
As medidas adoptadas até agora non foron suficientes e os vindeiros meses non vislumbran un escenario positivo para a cultura.
A nova ou anuncio oficial aquí.