COMUNICADO TRALA CONCESIÓN DAS SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS TITULARES DE ORQUESTRAS DE VERBENA DA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
Das 48 empresas subvencionadas, as 5 primeiras reciben o 33% do orzamento, con 362.000€; mentres que o resto, 43 empresas, reciben entre todas 713.600€.
Desas 5, unha delas, ten a sede fiscal en Navarra. Entre o resto de beneficiarias, outra ten sede fiscal en Sevilla.
De novo entre as 5 primeiras, hai varias que non hai moito tiñan por titular a alguén con varias causas aínda hoxe abertas por fraude fiscal.
Desde MAV, tras coñecer a resolución das subvencións ás empresas titulares de orquestras de verbena, e atendendo a estes datos extraídos da resolución, preguntámonos varias cousas:
- Por que o empresariado das orquestras de verbena fala e negocia directamente con Turismo o seu rescate pola COVID, e non vehicula as súas necesidade a través da Axencia Galega de Industrias Culturais, creada hai 12 anos para dialogar cos sectores culturais, como facemos o resto de asociacións de empresarios e artistas?
- Cantos dos cartos públicos desta convocatoria van repercutir directamente nos traballadores/as, artistas e técnicos/as, desas empresas? Está pensando a Consellería de Cultura e Turismo e sacar unha liña específica de rescate aos artistas e traballadoras culturais?
- A concentración do orzamento concedido en poucos nomes, en que medida reflicte un sistema de monopolio de mercado no mundo da verbena, ou reflicte unhas bases condicionadas que deixaron moi por debaixo desas cifras ou directamente fóra da convocatoria, á maioría das numerosas orquestras de Galicia?
- Por que entre as empresas beneficiadas pola Xunta de Galicia, reciben cartos de todos os galegos e galegas algunhas con sede fiscal fóra de Galicia? Baixo que criterio foi introducido iso nas bases?
- Tendo especial atención que algunhas das máximas beneficiarias teñen un pasado fiscal opaco, público e notorio, preguntámonos se todos estes cartos públicos van ter quizais a esixencia dun control fiscal e laboral por parte de Xunta para que todas as empresas titulares de orquestras con subvención declaren legalmente a súa actividade real, e regularicen obrigatoriamente e para sempre a todos os seus artistas e traballadores, en canto se poida volver traballar nos escenarios? Ou seguiremos nun modelo irregular de (non) contratación laboral?
- Que está facendo a Xunta e a Consellería de Cultura que estea dirixido directamente aos artistas e traballadores do sector cultural en Galicia, e non só ao empresariado?
MAV quere recordar a enorme irregularidade laboral crónica do sector musical, da cal non escapa o sector da verbena, onde os artistas e traballadores apenas se están pudendo acoller a ERTES durante a pandemia, debido as irregularidade das empresas para as que traballan, as cales incumpren maioritaria e sistematicamente o seu propio convenio laboral sectorial, aprobado no 2017.
Por culpa dese incumprimento sistemático da lei, apenas uns poucos músicos e músicas do sector da verbena (e da música en xeral) puideron demostrar o ano pasado que traballaron legalmente o suficiente durante o 2019, quedando polo tanto excluídos dos requisitos do paro extraordinario de artistas por mor da COVID; prestación loitada e conseguida co Ministerio de Traballo grazas ao traballo da Unión de Músicos Profesionales, entre outras asociacións, da cal forma parte MAV.
Alegraríanos saber que artistas e técnicos/as do sector musical da verbena van tamén ser beneficiarios/as directos/as destas axudas que reciben as empresas nas que traballan. Se non fose así, reclamamos dunha vez que se faga visible a súa precariedade laboral, así como a indefensión de todas e todos os creadores, compositores/as e intérpretes deste país, para os cales non existe aínda ningunha axuda directa por parte de ningunha institución pública galega, nin viso de retomar o traballo nin a curto nin a medio prazo, nin un plan estratéxico de traballo seguro.
Queremos denunciar o drama que viven xeracións de artistas que despois de décadas facendo deste país e da súa xente un lugar de dignidade e unha vida máis amable para todos e todas grazas ao se traballo na música, orquestras incluídas, vense agora nunha inmensa precariedade ao final da súa vida laboral, debido ao traballo somerxido no que forzosamente desenvolveron a súa carreira profesional, marcada por políticas empresarias irrespectuosas cos dereitos de cotización dos seus traballadores e traballadoras.
Pedimos convocatorias de subvencións claras e negociadas, con liñas específicas para creadores/as, intérpretes, compositores/as, e traballadores/as técnicos do sector musical e cultural.
Pedimos unha volta ao traballo paulatina e calendarizada, con protocolos seguros e plans de continxencia en caso de novos paróns ou novas restricións.
Pedimos a regularización laboral do noso traballo, dunha vez e para sempre.
Por un futuro digno dos músicos e das músicas.
Desta crise sairemos visibles e con dignidade laboral.
MAV.