imaxe da nova
Nova Galega

Liña de axudas para mellora de infraestruturas escénicas e musicais públicas e privadas

imaxe do usuario Xestor Xestor
10 xaneiro 2022

O pasado 28 de decembro publicouse a resolución coas bases reguladoras dunha nova liña de subvencións para a modernización e xestión sostible das infraestruturas de artes escénicas e musicais, para a que conta cunha dotación de 1.210.064,37 euros.

Trátase da primeira das convocatorias dirixida ao sector cultural galego que será xestionada pola Administración autonómica ao abeiro do mecanismo europeo de recuperación e resiliencia dos fondos Next Generation EU.

A dixitalización, a xestión sustentable e o respecto ambiental son as prioridades desta nova vía de apoio aos espazos de exhibición de espectáculos de teatro, danza, música, maxia ou novo circo, que terá continuidade cunha segunda convocatoria o ano que vén. As destinatarias son as súas entidades xestoras, tanto as privadas como as integrantes da Administración local, para o desenvolvemento de proxectos de modernización ata o 31 de decembro de 2022.

Estas axudas implicarán a renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio, maquinaria escénica e produción en teatros, auditorios e salas, o que redundará nunhas mellores condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como nunha meirande calidade na exhibición dos espectáculos diante do público. Atenderanse, asemade, as necesidades de rehabilitación dos edificios para mellorar a súa eficiencia enerxética e favorecer a súa adaptación ao cambio climático. Con este fin, subvencionaranse os custos de elaboración dos proxectos técnicos; as obras de instalación, modernización e rehabilitación; a compra, montaxe e instalación de equipos e materiais; a renovación das ferramentas de xestión artística e de produción de espectáculos ou os gastos de auditoría, entre outros. A contía da axuda no caso das entidades privadas poderá alcanzar ata o 80 % do orzamento da proposta, cun límite de 30.000 euros por beneficiaria, mentres que para as entidades públicas esta porcentaxe sitúase no 70 % e a axuda máxima en 50.000 euros. Ademais, o Consello autorizou especificamente a exención da constitución de garantías para os pagamentos anticipados solicitados polas adxudicatarias co obxectivo de facilitar e axilizar o financiamento dos seus proxectos.

Os espazos públicos e privados de exhibición de espectáculos poderán solicitar ata o 28 de xaneiro este apoio para acometer proxectos de renovación que teñan como prioridades a dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental.

Aviso Agadic / Nova / Resolución / Extracto

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información