O 23 de abril tivo lugar a presentación da nova liña de subvencións ao Talento Musical Galego.
Finalmente o pasado 6 de maio saían publicadas as bases definitivas no DOG baixo o nome final de subvencións para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais.
Obxectivos
Promoción e difusión de proxectos artísticos profesionais, apoiando toda a cadea de valor que permite o impulso das carreiras musicais de artistas que desenvolvan a súa actividade maioritaria en Galicia.
Desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria, tratando de mellorar a calidade dos proxectos musicais, axilizar a modernización da industria musical, o crecemento de uso de novas tecnoloxías e a dixitalización nas diferentes fases da industrialización musical.
Beneficiarios
As destinatarias son as empresas musicais para a promoción e difusión de proxectos artísticos profesionais que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia (acreditando alta en determinados epígrafes de actividades económicas cunha antigüidade mínima de 5 anos consecutivos).
É o resultado dun proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo que agrupa as principais compañías de management e axencias artísticas galegas.
Importe
1.200.000€, con carácter plurianual (2022 e 2023) en réxime de concorrencia competitiva, financiado a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural (exentas do réxime de mínimis europeo)
Financiarase ata o 70% dos gastos de cada proxecto adxudicatario que teñan que ver con produción, comercialización e márketing, promoción e comunicación, distribución dixital, concertos e xiras, consultaría e persoal, entre outros.
Só se admitirá a presentación dun proxecto por persoa solicitante
Dúas modalidades
- Modalidade A (400.000€)
Proxectos musicais unitarios arredor dun só artista (solista, grupo ou banda)
Axuda máxima de 40.000 euros por solicitude
Con 50 concertos entre 2017 e 2021 ou ben, máis de 100 ao longo de toda a súa traxectoria profesional
Ter editado polo menos 20 singles baixo un selo discográfico legalmente constituído, entre os anos 2017 e 2021
- Modalidade B (800.000€)
Proxectos arredor dun mínimo de catro artistas musicais (solistas, grupos ou bandas)
Axuda máxima de 200.000 euros por solicitude
Máis do 50 % dos artistas con 50 concertos entre 2017 e 2021 ou ben, máis de 100 ao longo de toda a súa traxectoria profesional
Máis do 50 % dos artistas teñen que ter editado polo menos 20 singles baixo un selo discográfico legalmente constituído, entre os anos 2017 e 2021
Incluirase polo menos unha artista feminina solista ou un grupo ou banda onde, a lo menos, o 40 % das súas compoñentes sexan mulleres
Incluirase un "artista emerxente"
Xustificación
Primeira anualidade: desde a resolución definitiva de concesión ata o 1 de decembro de 2022
Segunda anualidade: desde o 1 de xaneiro do 2023 ata o 20 de agosto de 2023
Prazo de presentación propostas
Ata o 6 de xuño de 2022
Consideracións MAV
Veremos como se desenvolve e que alcance ten esta liña de axudas, pero a primeira vista bótase de menos maior apoio a proxectos meramente emerxentes ou pouco profesionalizados que seguramente sexan os que precisen máis axuda institucional.
Aviso / Nova / Extracto / Resolución