A asociación Músicas ao Vivo é hoxe a protagonista da segunda entrega do programa A porta aberta, que se emite esta noite, ás 21.30 horas, na TVG2.
O espazo, realizado para a canle autonómica por Producións Celta, trata de achegarse e enxalzar o asociacionismo galego e dar a coñecer o labor que levan a cabo, a filosofía que sustenta a súa actividade e os valores que aportan á sociedade.
Neste segundo programa achégase ao colectivo de músicos que ten por obxectivo o desenvolvemento dunha estrutura profesional que dea cobertura á actividade artística dos seus membros.
O xerente da asociación, Manuel Alonso, e os músicos Sheila Patricia, Najla Shami e Toño López serán os encargados de dar a coñecer os retos aos que se enfronta a entidade no desempeño do seu labor, que aborda o reto de conxugar profesionais de disciplinas musicais ben distintas e con intereses tamén dispares.
O programa emítese na TVG2, ás 21.30 horas do xoves 24 de novembro.