imaxe da nova
Actualidade

Importantes avances no desenvolvemento do Estatuto do Artista

imaxe do usuario Xestor Xestor
11 xaneiro 2023

Músicas ao Vivo valora moi positivamente os avances no Estatuto do Artista aprobados no consello de ministros do 10 de xaneiro. Por primeira vez téñense en conta os aspectos esenciais da actividade artística como a intermitencia para poñer en marcha medidas pioneiras como a nova prestación por desemprego para artistas, unha reivindicación histórica do sector cultural e un dos grandes obxectivos da Comisión Interministerial para o desenvolvemento do Estatuto do Artista, constituída en setembro de 2021.

Entre as novidades máis salientables, destacan:

- Prestación contributiva por desemprego específica para artistas e profesionais suxeitos á relación laboral especial do RD1435/1985
- Compatibilidade do traballo artístico por conta propia e allea coa xubilación
- Cotización especial para artistas autónomos con baixos ingresos
- Creación de comisións de traballo para seguridade social e enfermidades profesionais

Resaltamos a importancia que teñen estas medidas para o noso colectivo, xa que supoñen unha mellora significativa na loita contra a precariedade do sector, establecen os fundamentos da especificidade do traballo artístico e abren a posibilidade para ser adaptadas, melloradas e complementadas no futuro.
Agradecemos e recoñecemos o esforzo do Goberno.
É o momento de aproveitar as sinerxias creadas nas negociacións e o impulso das medidas aprobadas, para conseguir a completa implementación do Estatuto do Artista antes que termine a lexislatura.

Queremos agradecer á Unión de Músicos (federación estatal da que MAV é socio constituínte) polo traballo a nivel ministerial en prol do colectivo, propiciando que a voz dos músicos e músicas fose escoitada e tida en conta en todo este proceso.
Demóstrase que a unión fai a forza e que xuntos somos máis fortes e quen de conseguir avances.


PRESTACIÓN CONTRIBUTIVA POR DESEMPREGO
Ademais dos artistas, tamén poderán acceder a esta prestación as persoas traballadoras das actividades técnicas e auxiliares. A prestación é compatible coa percepción de dereitos de imaxe e da propiedade intelectual.

Os beneficiarios e beneficiarias poderán acceder:
- Acreditando estar en situación legal de desemprego e acreditar 60 días cotizados por prestación real de servizos na actividade artística nos últimos 18 meses.
- Acreditar 180 días de alta en Seguridade Social por prestación real de servizos na actividade artística ou regularizacións anuais xa efectuadas nos 6 anos anteriores á situación legal de desemprego sempre que non fosen tidas en conta para o recoñecemento dunha prestación previamente

As persoas traballadoras, ademais, non deberán ter dereito a unha prestación contributiva ordinaria, aínda que no caso de que a prestación especial sexa máis beneficiosa que unha prestación previa, pendente de renovar, si poderán optar por recibir a nova prestación especial.

A duración da prestación é de catro meses e está dotada cunha contía de ata o 100% do IPREM (600 euros) para as cotizacións que superen o limiar de 61 euros. Por baixo dese nivel corresponderá unha prestación do 80% do IPREM (480 euros).


COMPATIBILIDADE DO TRABALLO ARTÍSTICO POR CONTA PROPIA E ALLEA COA XUBILACIÓN
Esténdese a compatibilidade do 100% da pensión de xubilación coa actividade artística, tamén para as clases pasivas.
Ata o de agora, esa compatibilidade só alcanzaba a actividades que xeraban dereitos de propiedade intelectual; a partir da entrada en vigor desta norma, tamén se aplicará a actividades conexas (por exemplo, unha conferencia asociada á presentación dun libro, e non só aos dereitos de propiedade da obra). Ademais, a compatibilidade esténdese máis aló dos artistas, intérpretes ou executantes de artes escénicas, audiovisuais ou musicais, alcanzando tamén aos profesionais que realicen actividades técnicas ou auxiliares necesarias.
Os beneficiarios dunha pensión non contributiva poderán tamén compatibilizala con rendementos da súa actividade artística, sempre que non superen o limiar do Salario Mínimo Interprofesional.
Regúlase a cotización dos pensionistas cando realicen actividades artísticas, que será unicamente por continxencias profesionais, cunha cotización especial de solidariedade do 9% de continxencias comúns.


COTIZACIÓN ESPECIAL PARA ARTISTAS AUTÓNOMOS CON BAIXOS INGRESOS
Para os artistas autónomos de baixos ingresos (iguais ou inferiores a 3.000 euros anuais), a norma incorpora unha cotización reducida: en 2023 fíxase unha base de cotización para eles de 526,14 euros, que supón unha cota mensual de 161 euros.
A base irase actualizando en anos seguintes.
Ademais, en atención á irregularidade de moitas das actividades deste colectivo (e, por tanto, dos ingresos que xeran) ábrese a posibilidade a solicitude do interesado de que o prazo de ingreso das cotas sexa trimestral, no canto de mensual.


CREACIÓN DE COMISIÓNS DE TRABALLO PARA SEGURIDADE SOCIAL E ENFERMIDADES PROFESIONAIS
Ademais, o Consello de Ministros acordou a creación de dous grupos de traballo.
O primeiro, estudará e impulsará medidas de recoñecemento da intermitencia no ámbito laboral e da Seguridade Social dos artistas e traballadores da cultura.
O segundo grupo de traballo ten como obxectivo impulsar a avaliación e o recoñecemento de determinadas enfermidades profesionais derivadas das actividades específicas no sector cultural.
Ambos os grupos estarán integrados por representantes dos departamentos ministeriais competentes, así como das organizacións sindicais e empresariais e outras organizacións representativas do sector cultural.


CANDO ENTRAN EN VIGOR AS MEDIDAS?
A rebaixa na cotización e as novidades na xubilación dos artistas entrarían en vigor o 1 de abril de 2023.
A prestación especial recentemente aprobada para os artistas entraría en vigor o 1 de xullo de 2023.
Ao mesmo tempo, ao longo da segunda quincena de xaneiro ou comezos de febreiro, poñerase en marcha o grupo de traballo para a revisión do RD 1435/85, que regula a relación laboral especial dos artistas.

Nota de prensa oficial / Real Decreto-ley 1/2023

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información