Do 13 ao 29 de marzo permanecerá aberto o prazo de inscrición de espectáculos e/ou concertos para o programa Cultura no Camiño 2023 (CnC), unha programación cultural destinada aos concellos de Galicia polos que discorren os distintos Camiños de Santiago, que se desenvolverá entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2023.
Poderán inscribirse espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións culturais e restantes entidades sen fins de lucro.
As subvencións serán en réxime de concorrencia non competitiva e as cantidades máximas a percibir polos concellos participantes:
- 3.500 € para concellos de máis de 20.000 habitantes (40% do caché subvencionado)
- 2.500 € para concellos de menos de 20.000 habitantes (50% do caché subvencionado)
Isto supón o mantemento dos importes de axuda consignados en 2022, e un leve aumento do importe total para este ciclo (pasamos dos 230.000 € de 2022 aos 250.000 € de 2023).
As programacións dos concellos incluídas nesta convocatoria deberán conter como mínimo dúas actuacións e deberán ter presentes dúas das cinco disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia), cun orzamento superior a 5.000 euros (IVE incluído) nos concellos de menos de 20.000 habitantes e de 8.750 euros (IVE incluído) nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
Recordamos que os socios/as da cooperativa MÚSICOS AO VIVO S. COOP GALEGA podedes inscribirvos en Galescena cos datos fiscais da mesma e asociar os vosos proxectos a este ciclo.
Aviso / Galescena / Extracto / Resolución