A Xunta anunciou o prazo de solicitude das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, a través dunha convocatoria da Agadic publicada o 22 de abril no DOG.
Igual que en anos anteriores o procedemento será en réxime de concorrencia non competitiva (as subvencións serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos na convocatoria por orde cronolóxica, sen ningún tipo de valoración, ata esgotamento de crédito).
Beneficiarios
Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia.
Exceptúanse novamente asociacións e entidades sen fins de lucro, pero si teñen cabida agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención.
Importe
O importe auméntase ata os 600.000€ en total, 300.000€ para música (modalidades B1, B2 e B3), aumentando en 70.000€ a partida do ano 2023.
As persoas solicitantes poderán presentar solicitudes para máis dunha modalidade, pero a contía máxima total que poderán obter é de 15.000 euros.
3 modalidades musicais (B):
- B1: subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia (mínimo de 4 concertos en tres espazos distintos, como mínimo, e en ningún caso máis de catro concertos no mesmo espazo)
- B2: subvencións para as representacións musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.
- B3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais fóra de Galicia.
*No caso das artes escénicas, hai unha cuarta categoría destinada á distribución de espectáculos no territorio galego, pero non para música.
O prazo de presentación de propostas cambia con respecto a anos anteriores e agora será de 5 meses dende a publicación no DOG, é dicir ata o 2 de outubro do 2024.
Cóntase desde as 9.00 h do día de inicio ata as 14.00 h do último día.
Aviso / Resolución / Extracto
Webinario Informativo
A Axencia Galega das Industrias Culturais convida as empresas e profesionais das artes escénicas e da música a unirse ao webinario informativo sobre a nova convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para as industrias culturais.
Será o vindeiro luns, 29 de abril de 2024, ás 13.00h a través de Webex (Relatores: Jacobo Sutil, director; María Antón, xerente, e persoal técnico da Axencia Galega das Industrias Culturais).
Webinario