Historia e Obxectivos
Músicas Ao Vivo nace no ano 2008 co obxectivo de agrupar e unificar as inquietudes dos músicos/as de directo, e como plataforma de intercambio de información e opinión. Pretende ser un lugar onde todos os músicos/as teñan cabida e así posuír unha voz común deste colectivo. A filosofía desta asociación baséase en dignificar a música en directo e o traballo dos músicos/as que a levan a cabo.
Músicas ao Vivo está xa asentada como asociación de músicos/as en Galicia e como entidade de referencia na defensa dos dereitos do colectivo.
Como obxectivos principais podemos apuntar:
- Representar ao colectivo de músicos/as
- Dignificar a profesión de músico/a
- Fomentar a conciencia social dos músicos/as galegos
- Defender os intereses dos asociados e do colectivo
- Visualizar e dar a coñecer a música galega
O punto de inflexión da asociación prodúcese en xuño do 2010, cando Músicas ao Vivo presenta o seu Plan de Desenvolvemento co apoio de AIE. Este plan baseábase en tres alicerces fundamentais:
- Impulsar o Plan de Regularización Laboral en Galicia
- Desenvolvemento propio dun portal web, punto de encontro e oficina virtual da asociación
- Dotación dun traballador a media xornada para a atención de servizos e consultas
Tras o éxito destas iniciativas, auméntanse paulatinamente as actividades e servizos da asociación en función da demanda directa de socios/as e músicos/as.
Deste xeito nacen as charlas formativas, as publicacións didácticas, convenios con asesores xurídicos, presenza en feiras, creación de seccións locais, etc.
Cabe destacar que a partires de 2018, por acordo refrendado en asemblea xeral, a asociación modifica o seu nome polo de "Músicas ao Vivo". A proposta de cambio de nome é unha proposta da nova xunta directiva xustificado na necesidade de mostrar unha visión feminista dende a asociación ademais de facer referencia tamén as propias músicas como tal, que son as que nos unen a todas os/as músicos/as.
O apoio social foi da man do desenvolvemento da propia asociación, chegando nestes momentos a preto dos 500 socios/as.