imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista Xabier Mera. Socio número 85.

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 xullo 2013

Xabier Mera é músico, actor e emprendedor na cultura en Galicia. Guitarra e voz do grupo swing manouche Aló Django, actor e socio da produtora Pistacatro, compositor da música de varias obras de teatro, reside agora en Londres para cursar estudos de composición para audiovisual.

-¿Cómo empezaches na música?

Pois cediño. Con 8 anos recordo que estaban de moda aqueles tecladiños pequenos Casio PT-5 e PT-10. Eu quería ter un como os meus compañeiros. Pedinlle un aos meus pais e creo que non entenderon ben porque me trouxeron un teclado enorme  con todas as oitavas (ha ha,..) Ao pouco estaba tocando cancións na casa e máis na miña igrexa, na catequese dos domingos, e xa logo pedinlle aos meus pais de ir ao Conservatorio. Logo viría a adolescencia, as guitarras, o rock,...e nada de igrexas nin clásicos... o normal para moitos, supoño (haha).

-Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.

Honestamente, nin idea. Se o penso, diría que sobre todo o xeito de estar no escenario. O xeito en como vas estando máis seguro e afirmando a túa personalidade tocando en directo con outros músicos e na relación co público. Musicalmente vaste enriquecendo e pola experiencia creo que consegues conectar co que queres facer, con outros músicos e co público máis sinxelamente. Aínda non estou seguro pero creo intúo que co tempo chega a sinxeleza.

 Hai dúas cousas que como músico me gusta facer: a primeira é tocar en directo, guitarra e voz, con proxectos como Aló Django, a nosa banda de jazz manouche con Alfonso Calvo, David Tato, Quim Farinha e Gail Brevitt. A outra e compoñer para teatro e audiovisual, como veño facendo desde a produtora Pistacatro, a cal levamos adiante outros artistas e máis eu, orientada sobre todo cara o teatro, o circo, música, e produción de festivais e eventos.

Eu agora ando en Londres para cursar estudos de composición que poida orientar cara filmes u calquera campo de colaboración (teatro, danza, instalación sonoras, etc.) e por outro lado buscando un novo camiño como músico no escenario, quizais retomando antigas influenzas como o soul ou RNB, ou incorporando outras máis electrónicas. Veremos que novas cousas podemos aportar e emprender. De momento levo uns meses aquí, movendo o meu primeiro EP en solitario autoeditado, Swing in Translation (grazas Chus Silva e María Caramés) e ademais entre xullo e agosto terei os meus primeiros concertos cunha banda de blues que coñecín en Hyde Park, indo a unha romaría galega que organiza parte da diáspora londiniense, no mesmo día que tocaban os Rolling. Bolos pagados, cousa que aquí, en Londres, estrañamente semella que abunda moito o contrario, os concertos profesionais nos que non se cobra. Londres, sendo un sitio onde non é doado vivir, se me aparece como unha cidade chea de inspiración se tes a actitude adecuada.

- ¿Cales son as túas influencias musicais?

Cada vez son menos de crer que un ten claras influenzas musicais asociadas a xéneros ou etiquetas, pois cada vez atopas referencias máis dispares que che interesan e propostas coas que te podes identificar.  Aínda así, etiquetas e xéneros persisten e para min hai moitos anos que o jazz  é o vehículo para expresarme no escenario, e dentro deste, sobre todo o swing, e non só o swing manouche, senón todo o jazz vocal e crooners como Dean Martin. Porén, o rock dos 60 e 70, o soul, e por suposto o blues, están na base das miñas primeiras escoitas e sempre ecoan por aí. Co tempo tamén me interesei na electrónica. Supoño que un vai sumando influenzas e hoxe todo o mundo lle gustan músicas teoricamente distantes que van atopando un sitio común nos gustos de toda a xente, a chamada música popular do S.XX. Agora ando coa ópera, a música cinematográfica e compositores afíns como Aaron Copland (grazas, Bea Busto), lendo sobre orquestración e redescubrindo a pioneiros electrónicos como Edgard Varèse.

-¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Semella que nunca son bos tempo para a lírica (léase música en xeral), ou polo menos para  vivir profesionalmente da música, pero hai xente moi boa tocando. As escolas están a axudar moito niso (Pontevedra, A Coruña, Studio, etc). A xente tómase en serio tocar ben e o acceso a cantidade inxente de música que temos xa desde hai case 20 anos na nube creou xeracións de músicos cun gusto amplísimo, e aínda quen pense o contrario, con moito criterio de escoita, a pesares do consumo rápido e frenético que provoca dispor de máis música da que un pode humanamente escoitar.

Na escena musical hai bos grupos en  moitos estilos diferentes así que é un bo momento. Hai proxectos moi interesantes (Sumrá no jazz, Talabarte no eido do folk, Malandrómeda no Hip-Hop, etc., e perdón polas etiquetas). Profesionalmente xa é outra historia.  O sector non se diferenza doutros e vese afectado tamén polo desmantelamento social que vivimos por parte do estado contra a cidadanía. A iso sumarlle males endémicos propios como a desunión, a queixa continúa e falta de emprendemento empresarial, e voilá! Un panorama que semella desalentador a ese nivel pero que non obstante si que se ve a xente reaccionando agora fronte a ese panorama supostamente tan escuro que nos queren pintar. Xente como a do colectivo Liceo Mutante en Pontevedra ou a Asociación de Músicos Ao Vivo,  aínda que proxectos moi diferentes en forma e obxectivos, son síntomas claros de forzas renovadas e un novo sentir dos músicos cara ó que fan e cara a súa profesión.

-¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Imprescindible. Todos sabemos do bo que é asociarse. Ter diferenzas nos propósitos e nos medios non é malo. Ao contrario. Despois de varias tentativas semella que a Asociación de Músicos Ao Vivo conseguiu artellar algo que tira para adiante e no que os músicos están de acordo en valorar positivamente. E vai necesitar do apoio de moitos deles. Hai moito por facer. Xa se fixo posible, cousas moi boas, como resolver o tema da facturación dos bolos e a posibilidade de contar con asesoría laboral ou tratar de regular os cachés. Ademais funciona xa como interlocutor válido diante das institucións e promotores. E como válido refírome a que o traballo que fan é serio e trata de ser profesional, e por outro lado  a que a maioría de músicos ven na Asociación unha entidade na que se ver representados. Naturalmente non todos nin todas teñen que verse identificados pero falando, incluso con persoas que non partillan do asociacionismo na música, ven igualmente a utilidade da Asociación. Con todo, queda por diante moito camiño e vai ser precisa a axuda de cantos máis mellor.

-¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

A administración debe ser facilitadora da cultura, promovendo, investindo e deixando facer. En Galiza e no resto do Estado trátase agora de impor un modelo de emprendemento cultural máis anglosaxón, e superar aquel modelo francés de proteccionismo e cultura hipersubvencionada. Eu penso nun modelo mixto, onde o Estado non intervén na creación de discurso cultura, pero si facilita que se desenvolva. Para iso se invisten cartos de forma estratéxica como en calquera outro sector económico, entendendo  a cultura como clave, sobre todo en rexións como Galicia onde a cuestión da identidade crea discursos moi conscientes na cultura e que pode ser un motor económico importante. Iso debe ser aproveitado porque é algo que a xente  quere facer real e visible. Ademais a Administración debe promover a creación de cultura con escolas, conservatorios, fomentar o asociacionismo, a cultura e a música de base, apoiando economicamente proxectos en marcha, regulando máis acertadamente as redes culturais institucionais (cun modelo diferente do que se ven facendo en redes como a RGTA ou a RGMV, que semellan buscar ou agradar a todos cada vez con menos cartos ou  crear unha finca privada para os catro de sempre). Por último deixar facer, que é, basicamente, apoiar o que xa está sucedendo, o que os axentes (artistas, promotores colectivos, asociacións, críticos, público) culturais crean a redor de proxectos propios, artísticos ou empresariais (festivais como o Feito en Man, por exemplo, da Asociación Cultural Cidade Vella, en Compostela ou aquel extinto Festival D'Gorra, promovido pola Asociación de Circo e Cabaré Galega Pistacinco, e que fora silenciosamente reapropiado para crear un suposto evento institucionalizado a cargo do Concello, o chamado Festival dos Abrazos). Son todos aqueles proxecto que nacen da cidadanía e que deben ser apoiados pero sen intervir neles directamente. Non deben ser os únicos proxectos pero si son os básicos, son os que articulan a cultura, a comunidade e máis o territorio. Forman profesionais, implican aos artistas, fomentan a economía local real e crean e fidelizan público.

Basicamente, a Administración como facilitadora da cultura real, máis que a creación de discursos institucionalizados e creados desde arriba, con exemplos de proxectos baleiros, como a Cidade da Cultura. Proxectos artificiosos e sen sentido porque non nacen da realidade que a xente activa na cultura está a crear, e que están lonxe tamén do que o consumidor de cultura está a demandar localmente. Iso non quere dicir que a Administración non deba tamén traer outros modelos de cultura que ensinen como se fan as cousas fóra, nin que non se traian propostas de fóra que serían imposibles de promover economicamente desde o asociacionismo cidadá, incluíndo cousas comerciais, alta cultura, propostas marxinais (perdón de novo polas etiquetas), etc., ou formación e ciclos onde amosar como se fan as cousas localmente noutros sitios.

-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

Á marxe do que se pode sacar do anterior, unha contra os propios músicos: a nosa tendencia a non valorar o que facemos e confundir arte e produto con regalar o traballo.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información