imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista Fernando Abreu socio número 130

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 xuño 2013

-¿Cómo empezaches na música?

Comecei estudando solfexo aos 11 anos cun profesor particular aproveitando as pausas do mediodía no colexio onde estudaba en Ponteareas, e logo co clarinete aos 14 anos na banda de música Xuvenil de Xinzo de Ponteareas que era o lugar mais preto de Salvaterra onde había mestre do instrumento.

-Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.

Todo suma. A experiencia é bagaxe que un acumula e que consciente ou inconscientemente sempre está presente a hora de abordar novas cousas. Quero pensar que a miña carreira musical é unha evolución continua tratando de mellorar na comunicación co ouvinte.
En canto aos proxectos actuais, móvome por tres camiños diferentes pero que ao final nútrense uns dos outros:

- Como intérprete estou presentando os traballos discográficos de 2uS e Banda Crebinsky ao tempo que preparamos materias novos e algún proxecto interesante para finais de ano. Tamén estamos a perfilar as músicas do que será segundo traballo discográfico do Cuarteto Caramuxo continuando na nosa liña de reinterpretación das melodías populares galegas.

- Como mestre levo xa uns anos traballando no IES Salvaterra de Miño e quero editar un traballo coas gravación que levamos realizadas neste tempo.

- E se isto non fose dabondo, estou a tentar rematar unha tese de doutoramento en etnomusicoloxía na Universidade de Valladolid investigando sobre un famoso grupo de música galega con clarinete de finais do século XIX.

- ¿Cales son as túas influencias musicais?

Esta é a típica pregunta que levaría un gran feixe de nomes pero a verdade é que as influencias veñen de onde menos podes agardar. Sinto unha mestura de influencias dende o coidado polo son e a interpretación procedente da miña formación académica e especialmente dos instrumentos antigos mesturada coa escoita de músicas populares de todo o mundo pero sen esquecer o tempo no que vivo e as músicas que me rodean queira ou non. Moitas veces digo que me inflúe toda a música que consigue emocionarme sexa cal sexa o seu motivo.

-¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Por unha banda vivimos probablemente o momento mais prolífico e de maior calidade na historia da música galega, pero ao mesmo tempo estamos nun tempo onde ser músico profesional estase a converter nun soño imposible favorecido polas políticas de dereitas que pretenden convencer á cidadanía que a cultura é totalmente prescindible en tempos de crise.

-¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

“A unión fai a forza”  e o que di o dito popular e neste caso é fundamental a existencia dunha asociación para que teñamos unha voz forte diante das administracións a hora de loitar pola dignidade da profesión de músico.

-¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

Nestes tempos complicados a administración debe apoiar ao sector da cultura nas mesmas condicións que o fai co sector naval ou do automóbil, ou mesmo con máis forza dada a precaria situación do mesmo e que se trata dun sector fundamental na formación de persoas libres e con conciencia, claro que probablemente por esa mesma razón a administración está a dar as costas a todo o que teña algunha relación coa cultura. Ninguén alza a súa voz contra a concesións de millóns de euros para axudar a empresas coma Citroen ou o sector naval pero todo o mundo alporízase das subvencións a calquera empresa cultural que non deixa de ser parte do tecido obreiro dun país.

-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

Elevaría a miña queixa ao sr. ministro de cultura e educación por tentar de xeito tan arrogante dinamitar o feble tecido industrial da cultura deste país que tanto traballo custou crear e polo proceso de eliminación sistemática da música no ensino obrigatorio. Si a música desaparece do ensino obrigatorio dificilmente chegaremos ter un público adulto aberto a escoitar músicas diferentes ou que queira gozar da experiencia da música ao vivo.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información