-¿Cómo empezaches na música?
Na miña casa tiven a sorte de poder acceder a boa música desde ben cativo e dende aquela xa mostraba moito interese pola música, entre eu e meu irmán fixemos unha boa colección de discos de rock, blues, r&b, funk, jazz... Comecei estudando guitarra clásica no Conservatorio pero estaba claro que o que a min me chamaba máis nese momento era o blues... Así que de xeito autodidacta comecei a aprender dos discos que chegaban as miñas mans, a tocar cos colegas... Logo estudei un pouco con Guille Fernandez e Carlos Calviño ata que caín no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra que cambiou a miña vida. A partires de aí completei a miña formación na Escola Estudio, innumerables workshops e clases, e finalmente obtiven a licenciatura en Jazz na Esmae de Oporto. Pero dalgunha maneira sinto que aínda estou comezando nisto da música, o proceso de aprendizaxe de un músico é para toda a vida.
-Tras tantos anos de carreira, ¿De que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.
A experiencia ensínache a escoller mellor os proxectos nos que te embarcas, sen dúbida, pero tamén a afrontalos da maneira máis práctica, a non perderse nos camiños. Dalgunha maneira a experiencia convértese nun radar que che vai dicindo por aquí si, por aquí non, así si, así non... Neste momento participo de bandas coma Alberto Vilas Quintet, Antonio Otero Quartet, Javier Marcos Trío, un dúo con Coralie Yap-Chine, Saint James Street Band, algún proxecto de música soul-funk e diferentes cousas que van xurdindo de maneira máis esporádica. Ademais estou preparando a gravación do meu primeiro disco a trío.
- ¿Cales son as túas influencias musicais?
Son innumerables, calquera músico que escoitas e que che di algo é unha influencia. Entre as máis importantes; Jim Hall, Kurt Rosenwinkel, John Coltrane, Van Morrison, Billy Bean, John Scofield, Miles Davis, Bill Evans, Brad Mehldau, Peter Bernstein, James Brown, Virxilio da Silva, Nuno Ferreira, Abe Rábade, Charlie Hunter, Wayne Shorter, Duke Ellington, Robert Johnson, Thelonious Monk, Medeski Martin & Wood, Stevie Ray Vaughan, B.B.King, Billie Holiday, Wes Montgomery, Chet Baker, Charlie Parker, Xan Campos, Albert King, Lester Young, Lionel Loueke, Ray Charles, Yago Vázquez, Pablo Castaño, Max Gómez, Iago Fernández, Alberto Vilas, Rosolino Marinello, Antonio Otero, Fernando Sánchez....
-¿Como ves a situación da música actual en Galicia?
Eu creo que temos a mellor xeración de músicos que houbo nunca en Galicia, en canto a cantidade e calidade. Ademais nos últimos anos puidemos comprobar que os que antes eran brillantes promesas agora xa son realidades sólidas. Desgraciadamente teño a impresión de que a maioría do público non é consciente disto (por diferentes e variados motivos), a desconexión coa música en directo e total (polo menos no que respecta ao jazz). Isto lévanos a situacións vergoñentas nas que algúns músicos con talentos máis que notables e que viven por e para a música teñan que cuestionarse emigrar, abandonar, ou estean pasando penurias para chegar a metade de mes.
-¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?
Fundamental.Tradicionalmente o gremio dos músicos é conflitivo, non temos gran capacidade de asociación, é un gremio moi heteroxéneo, con moitas realidades diferentes. O que penso e que todos os que nos dedicamos a música temos que defender a nosa profesión, temos que reclamar respecto, condicións laborais dignas, etc. Creo que esta asociación acertou poñendo en marcha un proceso absolutamente fundamental coma é o da regularización laboral da nosa profesión, que leva nas catacumbas demasiados anos xa.
-¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?
Primeiro creo que unha cousa é a cultura e outra ben distinta a industria cultural, por desgraza non van sempre ligadas, e máis que nunca en estes tempos. Non digo que a Administración non deba apoiar a industria pero hai anos que a Administración abandonou a música e aos músicos, e o seu único interlocutor é a industria cultural, que se rexe case sempre por criterios estritamente económicos. A Administración debería asegurarse de que a educación musical é a mellor posible, debería asegurarse de dotar de condicións de traballo dignas aos músicos, debería dar oportunidades os seus músicos, de programar con sentido (en lugar de gastarse cantidades indecentes de diñeiro en traer artistas de fora moitas veces de dubidosa calidade)... Se a Administración fixera o seu traballo estou seguro de que teríamos outra industria cultural.
-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?
Non sabería por onde comezar porque a cousa está tan do revés que faise difícil pero basicamente reclamaría respecto pola profesión primeiro ós propios músicos porque moitas veces somos os nosos peores inimigos, tamén á Administración porque nin apoia nin regula a nosa realidade laboral e porque desistiu de dar unha educación musical digna, e finalmente ó público por deixar que a industria lle diga qué, cando e onde ten que escoitar.