imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA Mónica de Nut. Socia número 108.

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 maio 2013

¿Como empezaches na música?

Cantando cos paxaros da carballeira da veciña. Era moi pequeniña, aínda non ía o cole e flipaba cos paxaros. Despois empecei a collerlle os vinilos ao meu irmán: rock, pop, jazz, música clásica, folk… dos paxaros pasei á Polla Records, Tom Waits, Ella Fitzgerald, Milladoiro ou Beethoven, saltándome a Parchís… Ós 11 anos empecei coas clases de linguaxe musical e piano (morría por tocalo!!!). Aos 20 anos dinme de conta que o piano non era o meu instrumento e dediqueime a educar a voz (os paxaros regresaron). Dende aquela dediqueime plenamente a cantar cun montón de músicos e grupos moi diversos e a seguir formándome musicalmente no clásico, jazz e tradicional.

Fálanos da túa experiencia como músico profesional en Galicia.

Para rematar a miña carreira de canto tiven que marchar a Madrid porque na miña cidade non había prazas suficientes no conservatorio. Aínda que resulta vergoñento que sucedan cousas así agora alégrome moitísimo de ter marchado. En Madrid tiven a posibilidade de formarme mellor e de acceder a traballos máis dignos dentro do sector do canto clásico. Pero volvín a Galicia porque prefiro vivir aquí, síntome máis libre para crear. Resulta contraditorio; por un lado é difícil vivir da música en Galicia e o combino coa docencia, pero por outro lado hai un ambiente musical supercreativo e produtivo… será pola súa anarquía e desorde?. Aquí gravei o meu disco Mónica de Nut trío, botei a rodar os meus proxectos en solitario Voz Sóa e as Accións de Rúa Non te cortes coa Ópera e Canto de Alborada, participei en montaxes grandes como a Ópera dos tres reas e formo parte de varios proxectos musicais como Isga Collective, Miniaturas de Granell, A Palabra Oculta…

Acabades de botar a andar o proxecto relacionado con Granell. Fálanos del.

É un proxecto de investigación moi interesante sobre a faceta musical tan descoñecida do artista Coruñés Eugenio Fernández  Granell no que leva a traballar dende varios anos a Central Folque. Partindo dese traballo o compositor e pianista Alejandro Vargas elaborou unha recreación das anotacións musicais de Granell inspirándose tamén na súa pintura e escritos surrealistas. Para materializar esta aventura surreal Alejandro contou con LAR Legido á batería e xoguetes, Jose Manuel Diaz Iglesias ao contrabaixo e pinzas, María José Pámpano ó violín e a viola, Edelmiro Fernández á gaita, Germán Díaz á zanfona e caixiña de música… miúdo elenco!!! Síntome moi afortunada!!! e eu mesma coa voz, máquina de escribir, pandeireta e corno de vaca… encántame!!! Gocei moitísimo do proceso de ensaios, moi libres e creativos, buscando códigos expresivos entre nós e partindo moito da improvisación. Os concertos son unha experiencia moi viva, fresca, orixinal, onírica, sorprendente… que máis se pode pedir? Pois un premio: O disco-libro Miniaturas de Granell, publicado o pasado decembro pola Central Folque, foi galardoado co Premio Especial Cubadisco 2013. O próximo 25 de maio celebrarémolo en concerto no Teatro Principal de Pontevedra.

¿Qué tipo de presenza ten a música tradicional na túa vida e nos teus traballos? E as novas tecnoloxías?

Descubrín a forza do tradicional despois de ter escoitado e practicado outros estilos musicais e leveime unha grata sorpresa. Para min é a víscera, a terra, o aquí e agora, a vitalidade da supervivencia, cárgame as pilas, síntome na casa. Sempre que podo compártoa con xente tocando percusión e cantando.  Reinterpreto pezas tradicionais ó meu xeito nos meus traballos usando efectos electrónicos e acompañadas pola guitarra cada vez máis roqueira de Virxilio da Silva que me provoca e me leva a unha interpretación cada vez máis cañeira. Penso que o rock está moi preto do tradicional polo carácter visceral, auténtico e enerxético. Ademais da música clásica, o jazz e composicións propias, tamén recorro ao tradicional nas miñas propostas en solitario a capella, cunha forte dose de electrónica mediante delays, loops e harmonizadores. Pero hai que ter moito coidado cos efectos… son viciosos e recargan demasiado se non se usan prudentemente. Gústame conservar o son natural sempre que é posible, incluso prescindir da amplificación (os paxaros volven…).

¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Impresionante. Mellor que nunca!!! Hai un mogollón de creadoras e creadores facendo todo tipo de estilos cunha calidade pasmosa. Moita creatividade e enerxía. Falta que nos valoremos a nós mesmas, facer piña e dignificar o gremio que ben o merecemos.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Indispensable para facilitar o traballo do gremio musical que ten tantas particularidades, e para interaccionar entre nós, coñecer puntos de vista diferentes e atopar a maneira de compartir, enriquecernos e axudarnos. Dito así sona incluso inxenuo e utópico pero creo que é o único xeito de solucionar moita da problemática actual. Ir por libre é un egoísmo pouco intelixente.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

A cultura non é industria por moito que queiran chamala así. É un servizo como a educación e a sanidade. Precisamos da cultura como precisamos comer, manifestarnos, expresarnos, soñar. O ser humano sempre estivo ligado a unha manifestación artística musical. A música, como as demais artes, non precisan de nada, só dos individuos creadores. Pero para desenvolvela e profesionalizala é imprescindible o diñeiro da comunidade como na sanidade e na educación… doutro xeito volvemos a prehistoria. O diñeiro da comunidade, que sae dos nosos petos, precisa dunha boa xestión, unha boa política cultural que se preocupe das necesidades comúns.

Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

O silencio é música. Como bos músicos deberiamos saber aprecialo, calar e escoitar máis.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información