Estamos ante o primeiro número deste boletín quincenal que ten a oportunidade de reflexionar sobre as Letras Galegas. Esta publicación que tes diante comezou no verán do 2012, polo que estamos comezando... como en tantas outras cousas. É por isto que nos topamos por primeira vez coas Letras Galegas de fronte.
Data sinalada onde as haxa, o Día das Letras Galegas é un referente institucional que todos os anos aparece para darnos a coñecer a un intelectual galego, ou se xa é coñecido, pois para que non o esquezamos tan facilmente. E, por coincidencias da vida, este ano tocoulle a Roberto Vidal Bolaño, un home de letras si, pero non só.
Bolaño foi un loitador do teatro. Un emprendedor lúcido e tantas veces ignorado. Foi respectado pola profesión e polo público, pero nunca se lle recoñeceu institucionalmente a valía que se lle mostraba ano tras ano a dramaturgos foráneos. El sabíao, e aceptábao con elegancia, e denunciábao sempre que fora preciso. É complicado ser profeta na túa terra. Polo menos mentres esteas vivo e en activo. Con sorte, unha vez morto, igual ata che acaban dedicando o Día das Letras Galegas. A el faríalle graza. Seguro. Como tampouco deixa de ter certa coña que sexa xusto este ano, o ano do abandono definitivo das artes escénicas, o ano elixido para dedicarlle o 17 de maio. Precisamente a el, a unha mente libre e unha boca coherente co seu pensamento crítico, e tan pouco compracente co poder establecido. Se Bolaño levantara cabeza... Diría 5 ou 6 verdades...