imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA Mercedes Peón. Socia número 138.

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 abril 2013

-¿Cómo empezaches na música?

A miña formación ven do estudo da creación colectiva deste país. Do imaxinario profundo, milenario, comunitario, orxiástico no senso de exceso de baile, música, e percusión. Repeticións como mantras para chegar a unha comuñón co que lles rodeaba e con elas mesmas/os.

Códigos que me fixeron durante vinte anos respectar, imitar, comprender e ao final participar nesa marabilla que é a expresión creativa e harmónica co que nos rodea.

Comecei aos 13 anos, son autodidacta, tanto como instrumentista, vocalista e compositora.

Sorprende decatarse da omisión que había en calquera tipo de formación ou normalización que puxera en contacto ás galegas/os coa música da súa comunidade, non coa música de creación individual ou sexa de composición, falo da creación colectiva sen liderados, ao longo do tempo. Só perdura o que sirve para ese trance. Tampouco me refiro ás expresións folclóricas, que representan un pobo ou país, que esa si estaba presente.

-Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metida agora mesmo.

Os camiños e proxectos procuro abordalos dende a asertividade persoal. Coa emoción de tentar darlle un senso social, aportar o meu gran de area, penso a música como unha acción política. Investigo os espazos, o que ocupa un ruído, a voz case que me molesta pola tremenda presenza que ten. As ondas electrónicas, o son dun momento ou lugar. Traballar por capas que suman ou se contradín. Isto estame resultando apaixonante, outra cousa é que o resultado de para vivir ou que alguén o queira escoitar e que as programadoras/os teñan o empeño de vir ver o que fago.

Neste momento teño á venda a banda co disco SÓS e unha acción sonora electrónica en solitario, ademais estou gravando sons mecánicos para o seguinte traballo que non sei se será un disco ou un espectáculo, ou as dúas cousas.

A verdade é que cada vez que fago algo novo sorpréndeme que  haxa xente que me queira ir ver e sempre acabo tremendamente agradecida.

- ¿Cales son as túas influencias musicais?

Esa si que é unha boa pregunta....as tocadoras das aldeas, as paisaxes sonoras das cidades, a natureza en xeral, a tecnoloxía, a disonancia, o século XXI, Nacho Muñoz, Xosé Manuel Budiño, Fernando Abreu, Janis Joplin, Fátima Miranda, Pako Dicenta, Sonia Reborido, Leandro Dentell, Lar Lexido, Fernando Martínez, etc. Tod@s @s músi@s que pasaron ou das que pasei a carón e os que están preto neste momento, Cebrián, Manuel Alonso, Ana García, a Banda Warsaw Village Band, coa que traballei ultimamente etc.

-¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

Entendo que me preguntades pola música profesional. A que se paga por executar, non si?

Galicia paréceme un paraíso creativo, xeracións de músicas/os  e intérpretes dunha calidade asombrosa. Con capacidade e facilidade para formar grupos e dende un punto de vista internacional moi orixinais. Se me preguntas pola situación económica ou de mercado estamos nun momento totalmente complexo para seguir polas vías que estaban instaladas ata o de agora. Os circuítos pequenos de salas sei por compañeiros da banda que se está a discutir uns mínimos que non se queren asumir etc. Parece que é necesario un debate e unha unión de tod@s para afrontar este paradigma novo no que “non hai cartos”. É así, non os hai. Se fas música xeralista, pensando nas programacións mentais que temos en Galicia gañarédesvos a vida.

Eu nunca ía ver nada, pero en tempos de crise sempre que podo vou ver ás compañías de teatro, baile e vou comezar a irvos ver, pagar a miña entrada e apoiar o que se estea a facer dende a individualidade. As accións individuais son as que podo aportar, ofrezo a miña casa para facer concertos, de jazz, de folclore,  performance, música electrónica, etc. É un momento propicio para os cambios.

Internacionalmente o tema tamén é complexo pero ao ser un territorio máis grande a crise nótase menos. Aínda así por exemplo en Francia cada vez que contratan a un grupo de fóra o teatro ten que pagar a maiores o 60% do caché, cuestión que dificulta enormemente a contratación internacional.

-¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Todo asociacionismo é saudable. Como soporte xurídico paréceme un avance tremendo. Cando comecei vinme obrigada a facer unha empresa, pedir un crédito para sacar un disco, pagar ás musicas/os, o son, as viaxes, pagar as actuacións por adiantado, etc. As altas e baixas dos traballadores/as por medio de asesoría, etc. Din feito porque tiven unha estrela e fun moi firme sen perder a enerxía creativa que ao final era o que quería facer, expresarme, ter o meu trance a través dunha profesión marabillosa.

Paréceme que iso con esta asociación non o tería sufrido tanto. A día de hoxe son empresaria porque non había soporte algún e tiven que correr con tódolos riscos e impostos que vos aseguro que eran e son demenciais para esta profesión tan intermitente como a nosa.

-¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

A música é libre. Non entende de administracións porque transgride o establecido.

Outra cousa son os procesos de subvencións ou interlocucións creados dende hai tempo ou non por medio da Administración para a música profesional. Por unha banda a música tradicional, baile, todo o de creación colectiva xurdida de xeito natural; o mellor é  que a deixen tranquila e con deixarlles espazos de existencia xa está salvagardada no seu proceso sistémico. A interlocución da administración cos circuítos? Lexitímase esa interlocución? Para qué? Temos a forza suficiente e a unión e o consenso para facer nos mesmas as propostas? Tendo en conta que as propostas xa non poden ser económicas? A miña opinión neste momento é, sen ter toda a información e sabendo que podo estar equivocada, que o sector non ten porque moverse cunha interlocución que non está pola labor de aportar políticas a longo prazo de traballo co público, de espazos, de recolleita da realidade creativa-cultural e do diálogo cun sector afogado pola falla de mínimos.

Se sirve de algo pódovos contar que cando facían falla circuítos e amosar unha música que estaba xurdindo nun momento que eu chamo a revolución das pandeireteiras. (urbanas) e outros grupos que xurdían paralelamente Fernando Martínez e eu fixeramos  “ruta folk terra galega” nos anos 90. Eran unha chea de locais e de grupos, os cachés estaban en 35.000 pesetas, cada  grupo dicía onde quería tocar, e os locais escollían os grupos que querían. Nós puxemos só os mínimos económicos (por consenso) e nunca cobramos nada por elo. Faciamos os carteis cos nosos cartos e ata producíramos un espectáculo no teatro Rosalía de Castro na Coruña con tres dos grupos participantes do circuíto.

-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

Contra quen?? non me tomo nada persoalmente, ou iso procuro. Se teño que elevar unha protesta é polo desamparo ao que imos tod@s na saúde, nas políticas de dependencia, nos recortes en xeral cara ó que menos ten. Dende o momento que se desprazou a lingua galega nas escolas, sen ningún tipo de acritude, dende que se permite que nos rouben os bancos, etc. Como música estou no mesmo barco e se me centro un pouco máis elevo a miña queixa co sector do teatro, o circo, as técnicas/os de son, de luces, cos que traballamos intermitentemente. Temos que facer uns cernes sociais nós mesmas, xa non podemos seguir coa preguiza e o egoísmo de “a ver cando me toca a min”.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información