A verdade é que tiñamos a este goberno subestimado. O sector da cultura galega está tan ensimesmado que non é capaz de ver máis alá da súa propia problemática, e non é quen de comprender a verdadeira natureza e as auténticas determinacións do goberno de todos e todas nós. Non somos capaces de ver máis aló dos ataques indiscriminados á nosa lingua, do desprezo máis absoluto a toda unha industria con anos de desenvolvemento, non somos capaces de mirar detrás da ignorancia máis atrevida e da falta de consideración a un dos sectores máis eficientes e máis rendibles de cantos se subvencionan. Non nos sobrepoñemos ante a total despreocupación d@s nos@s gobernantes pola insultante precariedade á que nos vemos condenad@s @s músicos. Non somos quen de ver máis alá da eterna pregunta: “Ah, pero vos vivides da música?”, cando esta pregunta sae da boca dos nosos gobernantes.
E, claro, estamos tan obcecad@s con estes problemas, que inevitablemente acabamos perdéndonos as verdadeiras calidades d@s que nos gobernan. Unha delas, puidémola apreciar no nomeamento do novo director da Agadic: un gran sentido do humor.