E seguimos con México, e coa música e coa violencia. Non foi premeditado, pero a nosa nova mundial relacionada co mundo da música para este boletín, repite escenario. Será que México é terra de grandes contrastes, e por iso se da tan ben para amosar historias sinxelas que condensen pequenas claves vitais para non perder o norte nestes tempos tan confusos. O culpable de que o noso ollo parara alí outra vez, é o artista Pedro Reyes, que ven de transformar un lote de case 7.000 armas ilegais confiscadas e inutilizadas, en instrumentos musicais perfectamente efectivos e funcionais. Grazas á axuda e á colaboración de seis músicos, tamén mexicanos, fóronse deseñando ata un total de 50 instrumentos, que completan unha orquestra lista para traballar. Os instrumentos van dende frautas a tambores, pasando por guitarras eléctricas, baixos, etc...
O nivel de sofisticación e beleza dos instrumentos creados por este colectivo de artistas mexicanos é directamente proporcional ó nivel de desgraza e pobreza que no seu día puideron xerar esas armas. Non está errado quen afirma que a música cura, mesmo a sociedades enteiras...