Non foi sen tempo, pero máis vale tarde que nunca. Músicos ao Vivo pasou a formar parte de xeito oficial da Plataforma das Artes Escénicas e Musicais.
A fortaleza dunha Asociación reside en ser útil ó colectivo de socios e socias. E esta utilidade hai que ser quen de entendela no senso menos restritivo que se poida. Cómpre ter visión de conxunto e pensar que tódolos sectores da Cultura formamos parte dunha mesma familia. Se ben non compartimos a mesma problemática ó 100%, si é certo que somos distintas caras dunha mesma realidade moito máis complexa que a suma de tódalas Asociacións Profesionais do sector. A Música debe estar presente, e esperamos coma sempre, sumar e aportar un valor positivo. Falta fai, xa que Músicos ao Vivo chega á Plataforma, nun momento de extrema gravidade.
Coa Agadic sen dirección, as Redes institucionais paralizadas, e cunha negativa manifesta a dialogar por parte da Xunta de Galiza. Ningún axente institucional da Cultura é quen de recibir aos membros da Plataforma. Algo inaudito e que senta un precedente de difícil reconciliación.
Dende Músicos ao Vivo, convidamos a aqueles socios e socias que queiran ter unha presenza máis activa nas accións da Plataforma, que contacten con nós a través de info@musicosaovivo.com. Queda moito por facer, e toda axuda será ben recibida.