Na redacción do boletín quincenal de Músicos ao Vivo estamos empezando a coller complexo de San Xoán Bautista, por aquilo de predicar no deserto, non por afinidades teolóxicas, claro está. Día si, día non, sacamos á luz novas que evidencian os beneficios de apostar pola cultura. Os motivos que esgrimimos son variados e son aplicables a tódolos contextos, realidades, baremos, etc... Pois ben, hoxe sumamos outro grao de area no noso argumentario na defensa da Cultura.
A Universitat de Valencia acaba de presentar en Bruxelas un informe que demostra que a variable máis determinante para explicar as diferenzas de renda per cápita das rexións europeas é o tamaño dos sectores culturais e creativos. PUM!! a primeira na fronte.
O informe asegura que a capacidade para mellorar os niveis de riqueza per cápita é máis alta nos sectores culturais e creativos que en ningún outro sector do mercado. Sen excepcións. PUM!! a segunda no estómago.
A interdependencia entre os servizos creativos e o PIB per cápita é tal, que o informe demostra que un incremento do 1% na proporción de empregos no sector creativo dun estado, supón un incremento de entre 1000 e 1600 € na riqueza per cápita de dito estado. PUM!! Knock Out...
Hai tempo que sabemos que os ataques contra a nosa cultura nada teñen que ver coas políticas de austeridade, pero por primeira vez, dubidamos de que a intención sexa a censura pura e dura. A estas alturas, temos a certeza de que a nosa cultura non recibe os apoios que debería, porque os nosos gobernantes son simplemente unha panda de inútiles.