imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Pablo Carrera. Socio número 4

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 novembro 2012

¿Como empezaches na música?

O meu pai ensinoume a tocar un pouco a mandolina cando tiña 11 – 12 anos, logo pasei á guitarra porque me daba mais xogo, o principio fun autodidacta, logo comecei a tocar en grupos, aos 18 entrei no Conservatorio onde fixen estudios clásicos aínda que de xeito un tanto irregular, nunca fun moi disciplinado co clásico, tamén fun a algunhas clases particulares con Rubén Pérez e traballei como músico en estudos de gravación. Sempre digo que os meus mellores mestres son os excelentes músicos cos que tiven, e teño, a sorte de tocar. Aprendín todo o que puiden sobre son e gravacións e comecei a interesarme por músicas de todo o mundo.

Ultimamente andades presentando o novo traballo discográfico de 2us, xunto a Fernando Abreu. En que momento vos atopades?

Estamos a presentar o noso segundo disco que se chama “DOUS”, é o resultado de varios anos de traballo e experiencias xuntos, trátase dunha viaxe polo noso imaxinario sonoro, un disco aparentemente sinxelo pero cheo de detalles e emocións. Nesta ocasión decidimos facelo todo pola nosa conta, sen intermediarios, e a verdade é que estamos moi contentos co resultado tanto a nivel técnico como artístico. Tivemos a sorte de contar coa inestimable colaboración de Marcos Vázquez (batería), Pablo Pérez (contrabaixo) e Leandro Deltell (percusións), grandes amigos e músicos excepcionais. Podedes seguir ás nosas andaduras en sondous.com.

Tras tantos anos de carreira, ¿de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos?

A miña máxima é “goza co que fas”, paréceme imprescindible que haxa unha boa conexión humana en calquera proxecto no que participe, logo disto, valoro sobre todo a orixinalidade e a experimentación, as posibilidades de aprender, afrontar novos retos e ser consecuente coas miñas capacidades e personalidade como músico. Aparte de “2uS” (DOUS), ás veces toco coa “Banda Crebinsky” un conglomerado de músicos incribles que están a presentar tamén o seu segundo disco “Jet Lag”, e tamén estou empezando a facer actuacións eu só, (cos meus pedais e efectos), algo que defino como “Blues e mais”.

Es un músico que traballa interactuando con outras disciplinas artísticas, e sabemos que tamén dedicas tempo á musicoterapia. Que supoñen para a túa carreira artística todas estas experiencias?

A miña experiencia como musicoterapeuta xa se converteu en algo indispensable na miña vida. Comecei hai anos traballando con 2uS como colaboradores en talleres de arteterapia, sempre da man de Víctor Oribe (VOA), un excelente terapeuta, bailarín, coreógrafo e mil cousas mais, que xa se converteu nunha especie de padriño para nós. A principal diferenza que atopo nestes cursos é que non me sinto como un músico diante dos focos tocando para o público, polo contrario, o importante é como sinte e se expresa a xente, eu só intento acompañalos e facer resonancias simpáticas emocionais, aliméntome do que pasa e o reflexo co instrumento, unha experiencia moi enriquecedora.

¿Como ves a situación da música actual en Galicia? Fálanos da túa visión e da túa relación musical con Galicia.

O meu pai ensinábame de oído melodías galegas, e traballei no primeiro disco de Mercedes Peón (Isué) como músico e produtor; esta terra nosa nunca deixa de parir boas músicas, o levamos no sangue, pero para min, Galicia tamén é Brasil (onde teño familia), Cuba ou incluso África, tódalas músicas se conectan nun pasado remoto, nun presente apaixonante e nun futuro mestizo e sorprendente, aí é onde me gusta verme, non son demasiado tradicionalista, pero si que valoro o noso son. Vexo unha Galicia musicalmente creativa e plural, chea de bos músicos de tódalas clases sobrevivindo a base de ilusión e paixón.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Eu estiven na primeira xuntanza de “Musicos ao Vivo”, un colectivo do que formo parte, e que me parece algo imprescindible. Temos que desterrar a filosofía de “sálvese que poida” e empezar a pensar que xuntos, por moi distintos que sexamos, podemos facer de esta unha profesión digna, mellorando as nosas condicións de traballo. Cantos mais sexamos mais forza teremos.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?

Esta cuestión me remove un pouco as tripas, oxalá non necesitaramos subvención ningunha, pero a realidade, é que os músicos dedicamos moitas horas da nosa vida a estudar, ensaiar e mil cousas máis que ninguén nos paga, para facer logo unhas poucas actuacións mal remuneradas. A música é cultura, e como tal debería ter o apoio da administración. Penso que se malgastan moitos cartos dos contribuíntes en grandes eventos de cara á galería en vez de investir no desenvolvemento dunha industria musical galega mais forte.

- Recomenda un disco de sempre e outro actual. Explica por que.

Esta é unha pregunta imposible de responder, podería ser algo de Jimi Hendrix ou Django Reinhardt, pero voume quedar coas gravacións completas de Robert Jonhson, porque como apaixonado do blues, penso que ten case todo o repertorio guitarrístico do blues rural, e incluso podería sinalar a peza “Preaching Blues (Up jumped the devil)” como a miña favorita, polo seu ritmo trepidante, técnica de slide e voz desgarradora, a historia dun home consumido polo blues. Un bo disco actual para min, ademais do de 2uS :), é o “Jet Lag” da “Banda Crebinsky, penso que ten orixinalidade, descaro, frescura e forza.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información