imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Virxilio da Silva.Socio número 94

imaxe do usuario Xestor Xestor
15 outubro 2012

¿Como empezaches na música?

Cando era un neno. Meu pai tocaba a guitarra e na miña casa sempre había música: cantábase, tocábase e escoitábanse moitos discos.  Dunha forma moi natural e intuitiva comecei a imitar aquilo que sentía ao meu redor e que tanto me atraia, e aquí ando aínda hoxe dándolle voltas a iso.

Fálanos da túa experiencia como músico profesional en Galicia.

 Ser músico profesional na Galiza e vivir exclusivamente de tocar é bastante difícil, por non dicir imposible, ou polo menos eu véxoo así. Coñezo a moi poucos músicos, polo menos  no ambiente no que eu me movo, que non teñan que facer malabarismos para chegar a fin de mes sen morrer no intento. Case todos temos que compaxinar a música con dar clases ou ter outro traballo, porque é sinceramente moi complicado vivir só de tocar.

Despois destes anos de experiencia na música, cómo funcionas á hora de abordar novos camiños e proxectos? Cóntanos en que andas metido agora mesmo.

Agora mesmo estou planeando a gravación do meu próximo disco, que espero poder levar a cabo este ano que ven. Tamén estou traballando cos Foxy Freire, a banda de rock na que toco, no que será o noso primeiro disco.   Á hora de abordar novos proxectos, a miña experiencia na música dime que os dous primeiros pasos son moi fáciles: primeiro propóñome un proxecto, despois traballo para darlle forma a ese proxecto (composicións, arranxos, ensaios, bolos…) e ao final ven a parte complicada e menos bonita, que é  conseguir o diñeiro para gravar, editar, etc.

Que che aporta traballar de xeito tan intenso en mundos tan aparentemente distintos como o Jazz, o Rock, música popular, etc.

Apórtame coñecemento, moito coñecemento. Cada cousa nova que fago ou que descubro, ábreme os ollos e a mente un pouquiño máis.

¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

A verdade é que ao longo destes anos intentando vivir coa musica, que non dela, tiven a oportunidade de tocar con grandes músicos e estar involucrado en proxectos moi interesantes no meu país. Cada vez hai máis músicos bos e preparados na Galiza en todos os estilos, pero todo o que se fai aquí non sae fora, non se ve, non se comparte co resto do mundo. A mala xestión por parte da administración pública da nosa cultura e a falta de apoio das institucións dunha maneira seria e comprometida están a frear toda esta explosión creativa. A cultura non lles interesa, pero sen cultura non imos a ningún lado.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Paréceme imprescindible, hai moitas cousa nas que traballar e polas que pelexar, e se non estamos unidos non imos conseguir mudar nada.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas chamadas industrias culturais en xeral?

A cultura necesita o apoio da administración, porque a cultura é o que nós somos, e a administración publica en teoría tamén somos nós, non?, é fácil, penso.  Non apoiala e darnos unha patada no cu a nos mesmos.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información