Despois de moito insistir, conseguimos que a AGADIC nos convocara para falar sobre a RGMV. Músicos ao Vivo acude á chamada conscientes da grande responsabilidade que supón ser portavoces de todo un sector, tan grande, tan heteroxéneo e que atravesa momentos tan complicados. Dende Músicos ao Vivo estamos traballando para facer visible a nosa realidade e o punto de vista do músico en tódolos ámbitos ós que podemos acceder. Se ben a Rede Galega de Música ao Vivo non supón, en termos cuantitativos, un circuíto especialmente relevante para o sector da Música ao Vivo no noso país, si que ten un valor simbólico moi importante para a nosa profesión. Estamos ante un circuíto que historicamente funcionou á marxe da Regulación Laboral no que se refire ó músico e é por iso que Músicos ao Vivo ten especial interese en que o aporte de fondos públicos sirva para sumar e non para restar. Para sumar na senda da dignificación da figura do músico e da cultura en xeral, para sumar na estabilización dun circuíto real, rico e variado como é o circuíto de clubs, salas, pubs e garitos e, en definitiva, para que un modelo cultural sostible, local e noso non se enturbe precisamente cando a administración entra a apoialo.
Dende Músicos ao Vivo, acudimos sempre con espírito construtivo e talante conciliador, e as nosas expectativas para con respecto á RGMV, son optimistas. Concretamente, a nosa atención agora mesmo está posta na inclusión dunha táboa de mínimos salariais, para facilitar a cobertura legal inescusable de todas as actuacións e a petición expresa das altas na Seguridade Social para así equiparar esta Rede co resto de circuítos institucionais existentes.