imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a David Outumuro. Socio número 103

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 setembro 2012

¿Como empezaches na música?

Crecín nun entorno familiar rodeado de músicos, sempre que había xuntanza familiar a sobremesa era unha ración de música na que todos participaban. Empecei tocando a batería de forma autodidacta, recordo que collía todos os discos que encontraba pola casa e os escoitaba unha e outra vez mentres tocaba a batería intentado imitar o que escoitaba. A primeira batería que tiven mercárona meus pais de segunda man, estaba moi deteriorada pero aínda a conservo como recordo daqueles primeiros anos.

Colaboras con un montón de músicos, e con estilos diferentes.. Cóntanos en que andas metido.

Na actualidade formo parte de proxectos moi diferentes, por unha banda estou a tocar a batería con Eladio y Los Seres Queridos (Pop Indie), con Isga Collective (Folk-Fusión), con Mcarballo (Rock-Blues), e con Gazz Funkdation (Jazz-Funk); e por outra banda estou a tocar percusión con A Tribu (Jazz-Funk) e con Xardín Desordenado (Fusión de poesía e música). Cada proxecto é diferente e cada un apórtame distintas cousas, intento aprender sempre de todos os músicos cos que teño a sorte de tocar.

Como te atopas como batería? E como percusionista? Que che aporta traballar con sets diferentes?

Teño que confesar que a batería é meu instrumento preferido, foi o meu primeiro contacto co mundo da música e seguramente sexa no que máis cómodo me sinto. Como percusionista cada proxecto é un mundo diferente no que van cambiando os instrumentos que levas no set, o estilo que hai que tocar e o papel ou rol dentro do grupo, pero tocar con sets diferentes sempre é un reto novo, mantén a miña mente activa e axúdame a entender a función do percusionista dende perspectivas moi diferentes.

¿Qué tipo de presenza ten o feito de ser galego na túa vida e nos teus traballos?

É moi importante a presenza da cultura galega dentro da miña traxectoria no mundo da música. A miña primeira actuación en público foi tocando o tamboril cun grupo de gaiteiros nunha celebración do día das Letras Galegas. Tamén estiven máis de 10 anos tocando música folk con grupos como Susana Seivane, Cristina Pato, Mutenrohi, etc. Como anécdota, teño que comentar que este ano empecei a traballar nun estudio de gravación en Madrid como batería de sesión, e o máis curioso é que xa escoitei máis dunha vez: ¿cómo tocarías este tema se fose música folk da túa terra? Así que podemos dicir que a influencia de ser galego está sempre presente na miña vida e no meu traballo.

¿Como ves a situación da música actual en Galicia?

A situación que eu vexo da música en Galicia ten as dúas caras da moeda. Por un lado estamos a ver como o apoio das administracións públicas á cultura en xeral vai cada vez a menos, a música en particular está nunha época moi complicada, sen dúbida penso que é a peor época que eu recordo. Pero tamén teño que dicir que hai moita xente tentando facer novos proxectos de moita calidade, cada vez hai máis e mellores músicos en Galicia, isto é moi esperanzador porque sei que cando veñan tempos mellores vai ser unha época moi boa para os músicos galegos e para a música feita en Galicia.

¿Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Paréceme unha das mellores iniciativas dentro da música do noso país nos últimos tempos. Recordo que os músicos da miña xeración crecemos nun contexto musical no que non existía ningunha asociación de músicos, incluso o máis común era a división entre os músicos e os colectivos musicais. Co tempo esta situación foi cambiando e agora é típico mesturar estilos e que os músicos teñan a mente máis aberta. Son tempos difíciles e debemos, agora máis que nunca, apoiarnos os uns aos outros.

¿Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?

Coido que o que máis necesita a música a día de hoxe, xa que cada vez vai a menos, é o apoio económico pero con sentidiño e cun criterio lóxico. Tamén é importante que faciliten a maior cantidade de espazos posibles para organizar e producir concertos, e que axuden e apoien ás pequenas e medianas empresas galegas relacionadas coa música porque son as únicas que fan posible que, a día de hoxe, sigan saíndo traballos discográficos e que se poidan organizar concertos e festivais en Galicia.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información