Parece que a xestión cultural entende de crise cando lle convén. A crise tense convertido no principal argumento que cae coma unha lousa cando sae da boca dos xestores culturais do noso país. A sentencia da austeridade non entende de apelacións, e utilízase coma un dogma de fe, que non se pode cuestionar nin negociar. ¿Pero que pasa cando os mesmos que esgrimen o argumento espartano do recorte compulsivo, son os máximos transgresores do mesmo?
O Concello da Coruña ven de suprimir o Festival Manicómicos, que levaba 12 anos funcionando de xeito exemplar, e o que é máis importante, impulsada polo colectivo local de circo, danza, teatro e música. En vez desta iniciativa, o Concello programou unha réplica que duplica o costo da anterior edición. ¿É isto o que se entende por optimizar recursos económicos, sociais, humanos e administrativos?
O Concello de Vigo ven de declarar que non dispón de máis orzamento para a programación cultural estival tras contratar un único concerto de Serrat e Sabina por 268.000€. O Concello fai de promotor, cobrando entradas que irán dende os 32 ós 52€. Curiosamente, Serrat e Sabina non van a billeteira. Eles teñen asegurado o seu soldo para ese día. Se non saen as contas, serán os vigueses os que asuman as perdas. ¿É esta unha política de eficiencia económica e de apoio ós traballadores do sector?
Parece que non arden só os montes. As partidas orzamentarias destinadas a Cultura, tamén son un obxectivo para os pirómanos culturais, e estas, arden todo o ano. Non só no verán.