imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Os nosos socios opinan...

imaxe do usuario Xestor Xestor
2 setembro 2013

Hoxe non traemos entrevista a un dos nosos socios. Aproveitando este primeiro ano de boletíns, recollemos unha escolma dalgunhas respostas de músicos con respecto ás protestas ou queixas que lles xorden como músicos. Hainas de todo tipo. De todas elas podemos sacar conclusións, ou polo menos, coñecer outras problemáticas.

-Hai quen pensa que dentro do propio colectivo de músicos debemos facer AUTOCRÍTICA:

Xabier Mera apunta que “a nosa tendencia é non valorar o que facemos e confundir arte e produto con regalar o traballo”.

Guille Fernández critica “a nosa histórica pasividade ante os problemas comúns, por non existir durante tantos anos como colectivo. Como primeiro paso conformaríame con que mudara a nosa  mentalidade minifundista.”

-As institucións, o “sistema” e o modelo educativo non son alleas ás queixas dos músicos:

Fernando Abreu sinala que “elevaría a miña queixa ao Sr. Ministro de Cultura e educación por tentar de xeito tan arrogante dinamitar o feble tecido industrial da cultura deste país que tanto traballo custou crear e polo proceso de eliminación sistemática da música no ensino obrigatorio. Así dificilmente chegaremos a ter un público adulto aberto a escoitar músicas diferentes ou que queira gozar da experiencia da música ao vivo.”

Felipe Villar apunta que “a Administración nin apoia nin regula a nosa realidade laboral e desistiu de dar unha educación musical digna”.

Guadi Galego: “Estamos nun sistema necio e arrogante que incide en detestar a cultura para que sexamos menos libres e máis dependentes dos poderes…”

Oscar Fernandez: “A administración pública ten que informarse das necesidades do sector falando cos  promotores, técnicos e artistas pois en principio estas só teñen o poder e os fondos e non o coñecemento, que pregunten!”

Mercedes Peón eleva unha queixa “polo desamparo ao que imos tod@s na saúde, nas políticas de dependencia, nos recortes en xeral cara ó que menos ten. Dende o momento que se desprazou a lingua galega nas escolas, sen ningún tipo de acritude, dende que se permite que nos rouben os bancos, etc.”

Víctor Aneiros: “O problema é a falta de educación cultural, non temos máis que ollar o pouco que se respecta a profesión de músico.”

Baldo Martínez: “En vez de tomar tantas iniciativas dende arriba, dende o poder, os políticos e xestores destas institucións deben baixar á terra e preguntarlle aos músicos directamente que é o que está acontecendo e cales son as necesidades para este amplo colectivo”

Carlos Castro: “É necesaria unha rede de escolas de música coa dotación e persoal necesarios. Facilitar totalmente a convivencia dos estudos obrigatorios cos de música, incluso coa creación de centros integrados”. Tamén apunta á necesidade de ter “máis salas nas cidades, abertas a todo tipo de formacións.”

Xosé Lois Romero: “As administracións deben promover e asegurar a autonomía das artes, artellando unha rede estable de locais e eventos de calidade, creando mecanismos de desenvolvemento, evitando a competencia desleal da gratuidade, e sobre todo apostando decididamente pola imaxe, promoción e distribución mundial.”

Virxilio da Silva: “A mala xestión por parte da administración pública da nosa cultura e a falta de apoio das institucións dunha maneira seria e comprometida están a frear toda esta explosión creativa”

Marcos Pin: “A iniciativa privada é (sempre foi) o camiño que precisa calquera actividade comercial, tamén a música.”

Pablo Novoa: “O valor cultural aínda que subxectivo, debe estar nas mans de xente do mundo da cultura, non de políticos ou economistas”

David Santos apunta á “ignorancia da Administración con respecto a regular a situación profesional dos músicos”.

A este respecto, Brais Morán anhela a elaboración “dunha boa rede de circuítos que poida asegurar a legalidade nas contratacións de músicos”.

-A EXPORTACIÓN da nosa música ou a internacionalización tamén preocupa aos músicos:

Magín Blanco faise eco da problemática “da necesidade de diversificar actividades para poder subsistir dado o difícil que resulta ter proxección fóra do noso territorio.”

Uxía Senlle: “É importante competir no mercado internacional con políticas de exportación que sexan efectivas. Sinto que estamos abandonando esa liña de traballo e debemos perseverar na tentativa de que a nosa música sexa coñecida no mundo enteiro.”

-O problema da VISIBILIDADE tamén está presente en moitas reivindicacións:

Xoán Curiel afirma que “non existen circuítos específicos para os cantautores e cantautoras galegas, non temos unha especial cobertura mediática.”

Sonia Lebedynski propón “darlle novos usos aos espazos. Introducir a música en situacións e contextos que non foron contemplados anteriormente.”

Para David Outumuro a Administración debe “facilitar a maior cantidade de espazos posibles para organizar e producir concertos, e axudar e apoiar ás pequenas e medianas empresas galegas relacionadas coa música porque son as únicas que fan posible que, a día de hoxe, sigan saíndo traballos discográficos e que se poidan organizar concertos e festivais en Galicia.”

Pablo Carrera: “Se malgastan moitos cartos dos contribuíntes en grandes eventos de cara á galería en vez de investir no desenvolvemento dunha industria musical galega mais forte.”

-Reivindicacións diferentes e máis persoais tamén tiveron cabida:

Mónica de Nut: “O silencio é música. Como bos músicos deberiamos saber aprecialo, calar e escoitar máis.”

Ugía Pedreira está a favor “da xente que cre no poder da música e das artes para ser mellor persoa e máis cívica”

Najla Shami: “Como individuo e para outros individuos acho que precisamos consciencia que posibilite a escolla de opcións libres para crear unha historia significativa e conferir dignidade á nosa vida.”

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información