Como empezaches na música?
Comecei gravando a miña voz en gravador de fita cassette que collín emprestado dun amigo, deses enormes, cantando músicas que oía na radio. Logo escoitaba os discos de meu irmán máis vello, tería uns dez anos, ficaba todo o tempo fechado no cuarto, até o punto de que a familia, antes de sospeitar o meu interese pola música, pensou que tiña algún problema psicolóxico grave e pode ser que non estivesen de todo equivocados. En todo caso, máis tarde, collín a guitarra esquecida do meu irmán, puxen unhas cordas de sedal de pesca e comecei a tirar os primeiros acordes. Logo comecei a ir nos concertos e a imitar os outros músicos, observar e repetir.
Mais podo dicir que o que me fascinou e me enganchou para a música foi escoitar na radio e gravar nas fitas para escoitar infinitas veces, músicos como João Gilberto cantando os temas de Tom Jobim, Vinicius de Moraes e a xeración de artistas de música brasileira post-bossa nova (Paulinho da Viola, Chico Buarque, Edu Lobo, Milton de Nascimento -Clube da esquina-, Caetano Veloso, Gilberto Gil...)
Ultimamente andas xirando moito por fora da Galiza e de España. Como levas a experiencia de xirar por sitios tan distintos?
É impresionante a diversidade cultural que hai na Europa en relación á pouca extensión xeográfica, tanto dentro como fóra da Península; o que é moi estraño para quen ven do Brasil que é un país continental con moita diversidade cultural, porén moito unificada pola idea de nación e pola presenza dun idioma único.
O interesante é constatar o poder de comunicación universal da música, transpoñendo linguas e culturas. Tamén entender como o Brasil codificou moito do que está presente aquí na Península..
Tras tantos anos de carreira, de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos?
Penso que o tempo e a experiencia trae serenidade e diminúe a ansiedade, permite estar máis atento ao tempo que un proxecto pode demorar en madurar, esperar o momento adecuado para colocalo na rúa.
De feito, a experiencia de mudar de país trae consigo unha serie de estímulos para aprender e experimentar as novidades, mais ao mesmo tempo trae conflitos provocados pola forma totalmente diferente da recepción aquí do meu traballo ou do que chamamos música brasileira.. Entón, é necesario dar un tempo para equilibrar esas sensacións de estímulo e de inseguridade.
És un músico que traballa igualmente só coa túa guitarra, ou con dúos, tríos, ou bandas máis grandes? Que supoñen para a túa carreira artística todas estas variantes?
Teño traballado de todas formas, só e en formacións variadas. Tendo en conta que o cerne principal do meu traballo son as composicións de cancións, sen dúbida é incitante poder vestilas de varias formas, con arranxos diferentes de acordo coa formación instrumental. O traballo de arranxo crece moito polo feito de poder experimentar e pola convivencia con outros músicos que traen a súa formación, a súa experiencia, e acaban ensinándome moito.
Como ves a situación da música actual en Galicia? Fálanos da túa visión e da túa relación musical ca Galiza.
Creo que hai unha xeración de músicos máis novos moi aberta ás músicas de todo tipo e de todo lugar, mais que conseguen manter unha identidade propia e relacionada coa tradición galega. Neste momento en que a información corre tan rapidamente e hai unha tendencia tan forte de padronización, é importante manter viva a experiencia das tradicións locais dunha maneira renovadora.
Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?
É fundamental que a clase consiga dialogar e traballar, reforzar o sentimento de grupo e a partir de aí pensar en propostas para mellorar as condicións do músico na sociedade actual.
Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?
O primeiro papel da administración é fomentar a educación do cidadán nas artes a través do ensino fundamental. Debe dar a oportunidade ao rapaz desde cedo para desenvolver unha relación máis profunda coa arte segundo o seu interese.
Veño dun país que vive unha catástrofe social e cultural derivada da privatización dos servizos básicos que constitúen un dereito do cidadán nun réxime democrático. Entón, vexo con moita tristeza a tentativa de desmantelamento deste sistema que estamos vivindo aquí, e a apatía e certa inxenuidade da poboación en relación a esas políticas.
En relación ao mercado, as institucións públicas deberían exercer unha función de mediador, creando mecanismos de financiamento público/privado xestionados por persoas ligadas á área cultural, con criterios puramente de calidade artística.