Que a música é unha canle de comunicación poderosísima ninguén o pon en dúbida. Sabemos o que a música provoca nos individuos, e nas masas. Coñecemos os mecanismos que a música é capaz de activar no noso espírito, no noso corpo, nas nosas vidas. E isto é algo que leva sendo así dende que o ser humano sentiu a necesidade de comunicar e de ser comunicado.
Loxicamente, e partindo desta base, a música sempre estivo e sempre estará no punto de mira dos distintos poderes que tanto interese amosan polas nosas vidas. A música é unha ferramenta, é unha mensaxe sinxela e directa, e pode ser utilizada para liberar un pobo, para vendernos unhas zapatillas deportivas, ou para odiar ó veciño máis próximo.
Hai uns días aparecía unha reseña sobre o último libro de Aaron Klein, “Schmoozing with terrorists”. Trata neste libro da relación dunha multitude de líderes relixiosos do islam, coa cultura pop occidental. Resulta realmente impresionante a importancia simbólica que lle outorgan ás estrelas do pop máis mediáticamente activas. Madonna, Britney Spears ou Hannah Montana, pasan a ser a ollos islamitas como referentes culturais de primeira orde e, por extensión, as culpables da deriva satánica de occidente.
Chamádelle deformación profesional, pero dende a redacción deste boletín, entendemos a música satánica como outra cousa ben distinta. Para ser exactos, iría dentro do Metal, non no Pop...