imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Miguel Flores. Socio nº 27.

imaxe do usuario Xestor Xestor
5 novembro 2013

 

 

-Como empezaches na música?

Aínda que na miña familia non había tradición musical, tiven a sorte de medrar ó carón dun piano. Miña irmá pasaba horas estudando así que a música clásica foi espertando en min o interese por aquel instrumento. Cando me quixen dar conta era eu quen pasaba máis tempo diante daquel trebello. Despois marchei a Madrid e como alí non tiña piano merquei unha guitarra de cinco mil pesetas e escoitando a Camarón engancheime a esa forma de expresión que chaman flamenco.

 

 

-Tras tantos anos de carreira, de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos?

O que máis influíu na miña forma de entender a música non ten tanto que ver coa miña experiencia nos escenarios, coma coa miña vida persoal. O feito de ser fillo de emigrantes estremeños, de medrar en Ceuta, de vivir en Madrid e agora en Galicia, fíxome estar en contacto con distintas formas de entender a vida, diferentes linguas, diferentes costumes. Por outra banda, os meus anos de enxeñeiro amarrado a unha garabata mostráronme con moita nitidez o valor de facer algo no que un cree. Eu creo na música como forma de vida, con ou sen escenario, e por iso agora trato de dedicarlle todo o tempo posible.

 

 

-Que podemos escoitar no Miguel Flores Trio?

Miguel Flores Trío é o resultado de toda esta andaina persoal e musical na procura do meu propio son. Os guitarristas flamencos, aínda que facemos música popular, temos por costume tocar as nosas propias melodías, inventar o noso repertorio, co que nos identificamos. Neste trío interpretamos estas composicións arroupadas polo contrabaixo de Pablo Pérez e a batería de Carlos Freire.

 

 

-Falanos de “Belyounech”, en que consiste o proxecto?

Belyounech é unha idílica aldea marroquí, na fronteira con Ceuta, un sitio que desde moi novo contemplei desde a distancia, pero no que nunca estiven. Un lugar que para min simboliza o descoñecido, no que colle todo aquilo que poidas imaxinar porque aínda está por descubrir. Iso mesmo foi o que sucedeu coa miña música, que sempre estivo aí, pero que nunca se concretou, ata agora. Por iso collemos este nome para o noso primeiro repertorio.

 

 

-¿Cales son as túas influencias musicais?

Eu escoito de todo, e todo o que escoito me inflúe. Son dos que pensa que todo é música se se sabe escoitar. A lingua é música, unha parada de tren tamén, estamos rodeados de sons que nos inflúen, e as veces poñemos discos :-). Entre os meus músicos preferidos están Satie, Camarón, Zbigniew Preisner, Paco de Lucía, Keith Jarret ou Jacques Brel.

 

 

-Como ves a situación da música actual en Galicia?

Penso que a saúde da música en Galicia non pode estar mellor. Nunca antes houbo tantas e tan boas propostas musicais coma neste intre, aínda que a meirande parte desta música pase desapercibida para o público en xeral, pero ese é outro “cantar”.

 

 

-Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

Necesario. Nunha sociedade coma a que nos toca vivir, o asociacionismo é a única maneira de facer fronte ás moitas dificultades desta profesión. Por outra banda asociarte ponte en contacto con moit@s compañeiros dos que aprender non so a nivel artístico, senón tamén profesional. En calquera caso non ten ningunha contraindicación :-)

 

 

-Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?

Creo que a administración pública ten tres cometidos fundamentais: facilitar a educación da cidadanía (tanto dos músicos como dos que non o son), promover a creación cultural e velar por que se cumpran as leis vixentes. Na miña opinión ningunha destas tres cousas estase a levar a cabo de forma axeitada.

 

 

-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

Ocórrenseme moitas :-). Pero coido que o peor inimigo do músico é o diñeiro. Esforzarte por ser creativo e o mesmo tempo subsistir economicamente nunha sociedade capitalista roza con frecuencia o delirio.

 

 

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información