Este boletín nacía fai xa máis dun ano, e parece que ó botar a andar ó abeiro da “austericracia”, quedaba marcado polas malas novas relacionadas coa cultura, e co consumo cultural. A crise do modelo cultural é extraordinario. Parece que ó estar inmersos no ollo do furacán, non somos quen de ver a magnitude do fenómeno. E dende este boletín volvemos sobre a crise, sobre a estafa, e sobre o “sálvese quen poida” no modelo cultural, e intencionadamente, sobre a súa pegada en Galicia.
Todo o mundo coincide en que a caída en picado non cesa. Din que levamos 5 anos perdendo público, facturación, creación, produción, etc... en todos os indicadores dos que se tiñan constancia ata o de agora. É inevitable pensar en que hai novos sectores culturais que ven a luz “grazas” ó fin deste modelo de industria cultural, pero dá mágoa darse conta de que non somos quen de reciclármonos dun xeito máis harmonioso. Tantos recursos tan mal repartidos durante tantos anos... Que aprendemos? Nada?
Pero o peor posiblemente sexa que aínda por riba temos que escoitar as receitas máxicas dos mesmos axentes que dirixiron o cotarro ata o de agora. Temos que escoitar ós gurús da xestión cultural explicar o que sucedeu a touro pasado. Temos que ver como se rachan as vestiduras agora os mesmos e mesmas que se lucraron co anterior modelo ata límites vergoñentos. Ou de que estamos falando? Acaso non estamos falando dunha “industria cultural” tan feble e tan dependente que perde todo nun par de anos, e que non ten marxe de manobra? Será hora xa de escoitar ó verdadeiros axentes culturais dunha vez por todas? Ou deixamos que todo se afunda un pouco máis?