imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Reflexións sobre os Premios Galegos da Música "Martín Códax"

imaxe do usuario Xestor Xestor
3 febreiro 2014

Queridxs amigxs, mándovos esta carta sobre a gala dos I Premios Galegos da Música celebrada en Pontevedra o pasado 15 de decembro para materializar nela un par de reflexións.

En primeiro lugar direi que despois da gala felicitei aos organizadores polo brillante e intenso traballo realizado para organizar estes premios. Haberá opinións para todos os gustos, pero creo que sendo a primeira vez que se facía estivo todo a un gran nivel. Non é fácil organizar un sistema de votación on line que funcionou tan ben, ser quen de convocar a tantísimos grupos de todos os estilos posibles, acadar tan gran impacto mediático, conseguir o patrocinio de Martín Códax, a emisión na TVG, etc. Por suposto que hai cousas que se poden mellorar, pero non é a miña intención facer agora unha crítica desas cuestións; o que si me gustaría é comentar algo que me deixou preocupado.

Ao longo destes anos, asistín a moitas galas dos Premios María Casares (premios do teatro de Galicia), e dos Premios Mestre Mateo (premios do audiovisual galego), e sempre puiden comprobar que, en ambo-los dous casos, estaba alí a profesión prácticamente ao completo, non só celebrando e escenificando por un día ao seu colectivo, se non tamén utilizando esa plataforma para reivindicar e denunciar os problemas aos que se enfrentan.

E sobre isto vai esta carta. Eu creo que non se entendeu ben o verdadeiro significado e a intención final destes premios. Por suposto que, en primeiro lugar, se trata de premiar e recoñecer o traballo e a traxectoria dos que resultan premiados, pero creo que, oi máis importante é visibilizar e fortalecer o colectivo de músicos de Galicia, e para iso, claro, é imprescindible estar presente. A cuestión é que aquel día había moitísimas máis ausencias que presencias. Eu esperaba atopar a moita xente, colegas músicos, a profesión en masa, apoiando non só os premios e aos premiados, se non, celebrando que por fin haxa unha estructura de xente disposta a traballar por uns intereses comúns. Lonxe diso, o que vin foi, básicamente, xs nominadxs, e xs seus familiares e colegas. Estaban tamén, por suposto, algúns músicos, pero moi poucos. Na festa post-gala, catro gatos. Gran decepción. Onde estaban os 500 inscritos? É que para asistir teño que estar nominado? Pode ser que estivera todo o mundo traballando (oxalá), pero intúo que non era así.

Non é a miña intención soltar a “chapa” sobre o que debe ou non facer cada un, que xa somos maiorcitos, simplemente quero que quede patente a miña opinión. Polo que respecta a este colectivo, históricamente disgregado, xa vai sendo hora de que xuntemos forzas e fagamos algo en beneficio de todxs, e se non, despois non nos queixemos. Esta é unha grande oportunidade que temos que materializar entre todxs. Oxalá que o ano que ven sexamos moitxs máis.

Moita saúde, música e traballo para todxs!

Ramón Bermejo

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información