imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA A TERELA GRADÍN, Socia número 97.

imaxe do usuario Xestor Xestor
8 marzo 2014

-No ano 1997 empezaches a túa formación musical, Lembras a túa primeira actuación en directo?

 

A verdade é que non lembro moi ben cal foi a miña primeira actuación. O que sí é seguro é que foi dentro do marco de Estudio Escola de Música. Aí empecei a estudar jazz e foi onde coñecín a músicos como Manuel Gutiérrez, LAR Legido, Ramón Bermejo, Xacobe Martínez, etc,  cos que cantei en diferentes formacións durante moitos anos. De feito nos dous discos anteriores a Noise tiven o privilexio de traballar xunto a Manuel Gutiérrez, gran pianista e compositor.

 

-Moitas das actuacións dun músico teñen lugar en locais nocturnos. Ensinan nos conservatorios ou escolas como afrontar ese público?

 

Non. Ninguén te ensina como afrontar un concerto, sexa nun local nocturno ou nun teatro. A medida que vas facendo concertos vaste sentindo máis cómodo no escenario, pero os nervios seguen aí aínda que están máis controlados . En canto ao público dun local nocturno…, non sinto que haxa públicos diferentes…

 

-Acaba de ver a luz Noise, o teu terceiro disco e o primeiro disco de Tereland. A pesar de levar  por título Noise, é un disco intimista que se move entre a música de cámara e o jazz, con explosións que te sorprenden  pola súa forza e que non perden a noción de dozura . Un traballo coidado ao milímetro e cheo de frescura de principio a fin.

Que emocións agochan para ti  as cancións de Noise?

 

Moitas grazas polas túas palabras…creo que son un bonito reflexo do que queríamos conseguir con este disco.

Para min Noise e a súas cancións son una experiencia persoal moi especial porque é coma unha viaxe con Luis Giménez durante os dous anos que estivemos traballando neste proxecto. A idea xurdiu porque apetecíanos facer cancións inspiradas en dous músicos que nos encantan aos dous que son Jon Brion e Elliott Smith. Aínda que cada un compuxo os seus temas houbo momentos moi bonitos escoitándonos e aconsellándonos e démonos conta de que as cancións formaban parte de un universo común baseado nos gustos e estética que compartimos.

 

-Sen ánimo de reproche...¿que che move a compoñer  en inglés?

 

Por varios motivos…eu veño de cantar jazz, que é música  norteamericana e na súa orixe é en inglés. Síntome moi cómoda cantando neste idioma, gústame a súa sonoridade. Por outra parte, como che dicía inspirámonos en dous músicos americanos e iso inclúe tamén os seus textos e idioma.

 

-Noise foi finalista nos  1ºs Premios Galegos da Música na categoría Indie-Pop. Podemos manter esa etiqueta como algo definitivo?

 

O da etiqueta non o temos nada claro…jaja. Había que escoller una etiqueta para participar nos premios e aínda que nós vimos do jazz sabíamos que isto non era jazz. Ao final é música. É a música que nos sae. Supoño que é una mestura de moitos estilos…a música que che vai marcando ao longo da vida.

 

-Na web de Tereland podemos ver un letreiro que indica “No se realizarán conciertos hasta Mayo 2014 por cuestiones relativas a la próxima paternidad de Terela y Luis.“

Como se vive a maternidade dende o escenario? Moitas intérpretes musicais teñen medo de que ese momento dificulte o desenvolvemento normal das súas carreiras, que a maternidade as leve ao ostracismo profesional. É esaxerado? Hai que ter en conta o momento e planealo moito?

 

Polo de agora estou de baixa maternal e non sei se a maternidade pode afectar á miña carreira, pero a verdade é que non creo… estamos contentísimos co noso fillo e seguimos pensando en Tereland e en facer concertos e que se escoite o disco. Non o planeamos para un momento concreto pensando nas nosas carreiras. De feito,  decatámonos de que estaba embarazada cando estábamos gravando o disco.

 

-Cres que a administración pública está a facer ben o seu papel no que se refire música e as industrias culturais?

 

Creo que non o están facendo ben. Si xa é difícil conseguir concertos, coa subida do IVA cultural aínda se dificulta máis o traballo dos músicos. Entre isto e a crisis nótase moito un descenso nas actuacións.

 

-Que che moveu a facerte socia de Músicos ao Vivo?

 

Creo que é importante que os músicos nos unamos para estar máis presentes na sociedade. Para facernos ver. Ademais, aínda que levo varios anos vivindo en Navarra quería seguir ligada aos músicos galegos e formar parte de esta asociación.

 

-Na gala dos 1ºs Premios Galegos da Música foi evidente a carencia de mulleres nos grupos nomeados. Cres que foi froito da casualidade ou realmente están relegadas as mulleres a un segundo plano na música galega?

 

Eu non o sinto así…pero como che dixen, non estou vivindo aí e non sei como é a realidade das mulleres na  música galega nestes momentos.

 

-Pensando na situación actual da música, sentes “algunha nota discordante no pentagrama mundial”?

 

Creo que o máis difícil na música actual é lograr que a túa música chegue a un público cun gusto afín. Hoxe en día hai infinidade de proxectos que ven a luz e é moi difícil entre toda a oferta musical dar con algo que como oínte suscite o teu interese. Grazas a internet hai moita oferta, pero está moi desordenada. Iniciativas coma a dos Premios Galegos da Música axudan ao público a descubrir música de calidade e que lle poida resultar interesante.

 

 

 

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información