A crise xeneralizada, a falta de poder adquisitivo, o estancamento do consumo e as penosas políticas culturais dos últimos 25 anos dan ó traste coa xeración de músicos profesionais mellor formada da Historia de Galicia. Pode parecer esaxerado, pero a verdade é que é aínda peor. O tecido existente entre estudos de gravación, discográficas, axencias culturais, managers, deseñador@s, fábricas de discos, imprentas, fotógraf@s, webmasters, empresas de son e iluminación, xornalistas especializados, xestorías, promotoras, empresas audiovisuais e @s propi@s músic@s é un vago recordo de como se traballaba ata hai ben pouco neste país. Que non é que fora un modelo a seguir, nin un escenario acadado despois de moito traballo e planificación conxunta, pero era o hábitat natural no que se fixo posible que cada profesional da cultura realizara a súa función e medráramos profesionalmente. Nese hábitat é onde xurde a primeira xeración de músicos dedicados á música en exclusiva, de actores e actrices, de deseñadores, etc....
Que cada quen avalíe o resultado da produción cultural dos últimos 10 anos en Galicia, e a ver quen se atreve a cuestionar a valía, o talento e a profesionalidade de practicamente calquera sector das chamadas Industrias Culturais. Pero parece que a Cultura é só unha peza máis a extinguir dentro do proceso de desmantelamento de todo o que fomos, e do que poderíamos ter sido. Xa practicamente o conseguiron, e ben fácil que lles está resultando...
Aceptamos solucións e propostas para a reconquista en info@musicosaovivo.com