Os II PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA xa van tomando forma, e xa demos boa conta ós nosos socios e ás nosas socias, na última xuntanza, das novidades que para este ano estamos a preparar. Podemos adiantar varias cousas. Con respecto ás Categorías compre anunciar a división dunha das máis concorridas, a de Rock, Blues, Funk e Soul. Para esta segunda edición, presentaremos a Categoría de ROCK por un lado, e a Categoría de BLUES, FUNK e SOUL polo outro. Así pensamos dar unha maior visibilidade a unha cantidade maior de proxectos, facendo xustiza e seguindo os principios de equidade e proporcionalidade en todas as Categorías. Ademais desta división dunha categoría en dúas, tamén incluímos este ano unha nova categoría moi demandada na primeira edición, e que cremos que terá unha moi boa acollida: a Categoría de CANCIÓN DE AUTOR.
Teremos polo tanto este ano 15 Categorías que esperamos estean tan frecuentadas e transitadas como o ano pasado, amosando así a cantidade e calidade de propostas musicais que habitan o noso país.
E non esquezamos o Premio de HONRA Músicos ao Vivo. Xa lle estamos a dar voltas a quen premiar este ano con este galardón que pretende poñer o foco de atención sobre un músico, ou música, proxecto, grupo ou feito musical galego que sirva de referente para as xeracións vindeiras, pola súa especial relevancia e aportación á música e cultura galegas. Agardamos e precisamos as aportacións de todos os socios e todas as socias, para ser quen de dar no cravo nesta ocasión, tal e como sucedeu o ano pasado... Facédenos chegar as vosas propostas a info@musicosaovivo.com
Pouco a pouco iremos debullando novas ideas, pequenas e grandes sorpresas que farán desta segunda edición a edición da consolidación dos Premios Martín Códax da Música.
Forza e Música!!!