Neste mes arranca a segunda edición dos Premios Martín Códax da Música. Músicos ao Vivo impulsou por primeira vez no 2013 estes Premios e aínda duran na nosa memoria os momentos históricos que atesouramos entre todos/as. Nesta edición, lonxe de durmirnos nos loureiros, presentaremos varias novidades que darán un novo pulo á escena musical galega. Para adiante sempre!!!
A primeira gran novidade está no corazón dos Premios: as Categorías Musicais. Créase unha Categoría para Rock, e deixamos nunha soa categoría ó Blues, Funk e Soul. Así mesmo, nace unha nova Categoría para Canción de Autor, moi demandada durante todo o proceso pasado. Quedarían pois, así:
Mellor Proxecto Musical Galego de Pop e Indie.
Mellor Proxecto Musical Galego de Rock.
Mellor Proxecto Musical Galego de Blues, Funk e Soul.
Mellor Proxecto Musical Galego de Metal.
Mellor Proxecto Musical Galego de Canción de Autor.
Mellor Proxecto Musical Galego de Hip Hop e Músicas Urbanas.
Mellor Proxecto Musical Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe.
Mellor Proxecto Musical Galego de Electrónica.
Mellor Proxecto Musical Galego de Música Clásica e Contemporánea.
Mellor Proxecto Musical Galego de Jazz e Músicas Improvisadas.
Mellor Proxecto Musical Galego de Música Tradicional Galega.
Mellor Proxecto Musical Galego de Folque.
Mellor Proxecto Musical Galego de Músicas do Mundo. (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas, etc...)
Mellor Proxecto Musical Galego de Música Infantil.
Mellor Proxecto Musical Galego de Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena.
E a segunda gran novidade estará na inclusión dos Premios Organistrum. O Organistrum é un instrumento do que temos constancia pola súa presenza no Pórtico da Gloria. É anterior mesmo ó propio Martín Códax. Sabemos del que eran necesarias dúas persoas para facelo soar, debido ó seu gran tamaño, e á mecánica para a súa execución. Con esta imaxe queremos render recoñecemento ós cómplices imprescindibles dos músicos e músicas. Axentes presentes no noso sector musical, na nosa Industria, no feito cultural mesmo. Como mostra este ano os Premios Organistrum serán 3:
Mellor Sala.
Mellor Festival.
Mellor Espazo de Comunicación Musical.
Tamén renderemos homenaxe este ano a un/unha músico galego/a, que pola súa traxectoria artística e dedicación á música ao vivo, constitúa un referente para as novas xeracións de músicos. O premiado ou premiada de cada edición decidirase en Asemblea Extraordinaria de Músicos ao Vivo. Será a través do Premio Honorífico Músicos ao Vivo.
Estade pois atentos/as neste mes de setembro. Daremos conta de tódalas novidades nun Boletín Especial, no que informaremos cumpridamente de tódalas bases, calendarios, etc..
Forza e Música!!!