Para que serven os Premios? Para recoñecer un valor? Para marcar un criterio de excelencia? Para crear un sentimento de pertenza a un colectivo? Para visibilizar unha riqueza común? Para pechar o foco de atención sobre uns poucos, reforzando así a moitos? Para empoderar á comunidade da cal emanan os Premios? Supoñamos que poidan ser estes os motivos ou as razóns que existen detrás dunha convocatoria pública e aberta que pretende dar respaldo a un feito cultural. Pero hai unha cousa que determina aínda máis o carácter e o sentido duns Premios. Quen o concede? Quen o decide? Que o outorga?
Jordi Savall ven de rexeitar publicamente a palmadiña nas costas en forma de Premio Nacional, da man do principal responsable da situación agónica que atravesa a Cultura no noso país. Os Premios, neste caso, tamén serven para poñer a cada quen no seu sitio, incluso ó que pretende dar e quitar méritos. Josep Soler, Jan, Javier Marías, ou Santiago Sierra tamén renunciaron a Premios concedidos polo goberno austericida dos últimos anos.
Dende Músicos ao Vivo sentimos fachenda por estas actitudes e pensamos que a loita continúa na dignificación da nosa profesión. E como impulsores dos Premios Martín Códax da Música non podemos máis que trasladar a responsabilidade que os músicos e músicas desta Asociación temos á hora de exercer o noso criterio e o noso voto nesta edición 2014. O prazo remata o 16 de Novembro!!!
Non deixedes de visitar www.premiosmartincodaxdamusica.com