imaxe da nova
Contacto e Tarifas

ENTREVISTA A LYDIA BOTANA (Socia nº 366)

imaxe do usuario Xestor Xestor
11 decembro 2014

-Que che animou a facerte socia de Músicos ao Vivo?

Tiña estado nalgunha das reunións/asembleas que se fixeron polo tema da situación que estamos a vivir no campo cultural que estaba organizado por Músicos ao Vivo. Pero basicamente, fíxenme socia para poder facturar os concertos nos que teño que asumir eu a miña alta na seguridade social... Porque temos poucas, ou máis ben ningunha axuda para poder facturar os concertos se non es autónoma coma no meu caso. Gústame a idea de que exista unha comunidade de músicos galegos/as e se dinamice e sociabilice entre nós.

-Como muller e artista, de que xeito se vive o mundo da música?

Pois creo que hai trabas que inda están presentes pero por moito que eu queira que se me valore coma músico que son, non deixan de existir prexuízos sobre a figura dunha muller que vai ao fronte dunha banda ou dun proxecto musical. Con 17 anos montei unha banda só de rapazas, “Deixaví” chamábase, e saían concertos sen ternos escoitado tocar e non tiñamos nada subido nas redes aínda, en fin... Valoro moito as mulleres da música  que asumen o seu papel e coas que percibes esa complicidade que deberíamos ter entre nós, apoiarnos segundo o meu punto de vista claro, pero hai de todo...

-Para quen son as túas  cancións?

Soará moi egoísta, pero eu fágoas para min. Son a miña cura, o meu diario musicado, os meus pensamentos, as alegrías e as decepcións que vou atopando na miña vida. Ás veces dáme vergoña cantar algunha canción nos ensaios só cos meus músicos porque en verdade, estoulles contando moitas cousas de min...e logo no escenario xa estou acostumada grazas a cantarllas a eles antes :)

-Fálanos da túa experiencia cos concertos didácticos, como reacciona o público infantil?

É marabilloso! Teño tocado para moitos tipos de público: bares, pazos da ópera, rúas, salas de concertos, piano-bar, casas okupas, auditorios,... Pero sen dúbida, o público infantil é o máis entregado, o que non ten prexuízos, agradecido onde os haxa, pero tamén esixente. Son tan honestos e auténticos que se algo non lles gusta non hai volta que darlle. Encántame tocar para eles, e se aínda o fago cun proxecto educativo a través da música xa é perfecto para min. Na escola están sacando tempo para as artes e non se valora educar a través da creatividade dende os currículos. Isto foi o que me levou a crear un espectáculo musical para público infantil, “De aquí para alá” chámase.

-Que plans musicais tes para o 2015?

Sacar discos ;) Dígoo en plural porque este verán paseino de estudio en estudio de gravación. Agora en decembro 2014 saco o single do meu primeiro disco en solitario coma “Bolboreta” producido por Gambeat de la Mano Negra e Manu Chao, e en 2015 sairá o resto do disco deste proxecto persoal. Tamén sairá o libro-disco para nenos/as que fixen do espectáculo infantil “De aquí para alá” cunha proposta pedagóxica para que poidan aproveitar máis este proxecto didáctico musical. Tamén sairá o disco d*s “Labreg*s do Tempo dos Sputniks” o proxecto poético/hip-hop/punk irmandiño no que toco a batería xunto aos compas García Mc e o Leo i Arremecaghona. E logo presentación de discos, viaxes, colaboracións con bandas en estudios... Despois dun ano máis tranquilo debido a un accidente que sufrín surfeando nada máis comezalo 2014, agárdame moita tralla para o ano 2015, con forza espero :)

-Como imaxinas o futuro da música?

Complicado, son moitos os factores que impiden saír a flote desta situación na que nos atopamos os músicos. Noutros lugares do mundo a música e a cultura valóranse en tódolos sentidos: educativo, económico, social e vital para unha comunidade. Aquí non deixamos de parecer coma di o outro “uns mortos de fame” que vivimos “por amor al arte”, e si, ás veces vivimos polo amor á arte, porque realmente eu ámoa, pero teño que traballar arreo para poder seguir vivindo dela. A música é o camiño que eu escollín dende que teño capacidade para lembrar, grazas aos meus pais puiden dedicarme a ela, e o meu futuro vai ligado totalmente ó do panorama musical que vai sen rumbo nestes lares... pero non perdo a esperanza, despois do traballo que pasei, xa non.

-Cal é a túa opinión sobre os Premios Martín Códax da Música ?

Creo que é unha boa plataforma para coñecer tódalas ofertas musicais que se producen na nosa terra e que teñan un recoñecemento pola súa traxectoria paréceme correcto. Tamén penso que pode axudar a facer lazos entre bandas. Cando este ano votei ás bandas para os Premios Martín Códax da Música, atopei un montón de amigos e amigas inscritos, algúns que nin sabía que tiñan proxectos musicais, así que alégrome moito.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información