imaxe da nova
Institucións amigas

Times Are A Changing (Os tempos mudan)

imaxe do usuario Xestor Xestor
4 febreiro 2015

“The times are a changing”, cantaba Bob Dylan nos convulsos anos 60, e parece que agora si, que as cousas comezan a moverse tamén nesta sociedade, e pola parte que nos toca, entre a comunidade de músicos de Galicia. En Santiago e na Coruña comezan a aparecer signos de que os músicos xa non están dispostos a seguir aguantando unha situación de incerteza laboral permanente. Pero non é só unha situación laboral o que se presenta, senón que tamén se demanda un recoñecemento social cara a nosa profesión. Queremos ser recoñecidos e respectados ao mesmo nivel que outras profesións. Iso fai necesario contar cunha normativa que defenda e apoie algo tan evidente como é o establecemento dun sistema que permita desenvolver a nosa actividade principal: a música en vivo.

Sempre se falou da desunión deste colectivo como o principal impedimento para reivindicar cousas tan básicas como o anteriormente exposto, pero parece que agora iso comeza a cambiar. En Santiago creouse un grupo de traballo denominado “MAV sección Compostela” que ten como primeiro obxectivo conseguir un convenio co Concello de Santiago que permita que a actividade artística que xurde da iniciativa privada poida discorrer sen sobresaltos e sen estar a expensas das interpretacións caprichosas de quen estea no goberno municipal. Na Coruña, estase a debater sobre a candidatura da cidade á Unesco como “cidade da música”, cousa que se fixo ignorando á maior parte do colectivo. En ámbolos dous casos serviu para que os músicos nos sentáramos e dixeramos, basta.

O noso desexo é que isto siga para adiante. Que pensemos que isto é unha carreira de fondo e que non hai que parar de avanzar. Que sen esquecer os problemas locais non perdamos de vista os obxectivos comúns. E sobre todo, que o fagamos unidos. MAV sempre apoiará e porá ao dispor de todo o mundo, socios ou non, a súa experiencia e axuda. Pero os nosos medios son limitados, e por iso son tan importantes estes grupos locais de traballo.

“The Times Are A Changing”, cantaba Bob Dylan hai xa uns anos. Agora comezan a mudar para todos nós.

Por último, en MAV tamén houbo cambios. A directiva que durante todos estes anos tirou do carro con tanto acerto, deixa paso a un grupo de xente que con menos experiencia, pero con moita ilusión, faise cargo destes novos retos que se presentan. Xacobe, Max, Manuel e Antón, grazas polo traballo tan ben feito.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información