1-Paco Nogueiras forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres TENedORES, do grupo Os Modernos e do coro da Escola Estudio de Música de Santiago. Paco, ti que te moves en diferentes rexistros, como ves a situación da música na actualidade?
Incerto. Existen múltiples e variados proxectos, cada vez con máis calidade, mais a rede onde expoñer eses proxectos redúcese en cantidade e calidade coa existencia cada vez menor de orzamentos e circuítos. Sen axuda pública redúcese o campo de actuación e é bastante difícil conectar a cultura coa xente. Pero xa se sabe, a cultura sempre será unha guerra constante.
2-O libro-disco “Brinca vai” para cativos co que estás traballando tamén agora está a ter moito éxito e un longo percorrido por Galicia, como está a ser para ti esta experiencia?
Marabillosa. Por sorte, desde o primeiro momento foi un proxecto que saíu "rodado". É un traballo que me fai moi feliz tanto pola publicación do libro-cd-dvd como polo espectáculo que se chama "Brinca Vai de aquí a acolá", que percorre moita xeografía galega en grande e pequeno escenario cunha resposta fantástica. De feito, en 9 meses de vida que ten, vai pola segunda edición. Non podo pedir máis.
3-Que quere hoxe en día o público infantil?
Quere moitas cousas, evidentemente, o nivel de esixencia do público infantil medra día a día. O que lles pretendo ofrecer eu é diversión, alegría, música e aprendizaxe desde un punto de vista completamente lúdico. Diríxome aos rapaces dun xeito moi directo, penso que o agradecen e é unha das cousas polo que nos entendemos tan ben. Venme máis como un amigo que como un adulto.
4- Son as familias participativas neste tipo de espectáculos?
Moito. Hai ocasións en que os rapaces miran sorprendidos cara seus pais bailando os temas do Brinca Vai!. Penso que é un espectáculo que gozan por igual grandes e pequenos, polo que se pode dicir que é un espectáculo completamente familiar onde podes atopar bailando un avó coa neta , ou varios nenos cantando e brincando. Xenial.
5-“Brinca vai” son 12 cancións para os 12 meses do ano que abranguen un amplo abano de estilos musicais: techno, rock, folk, reggae ou música electrónica. A que se debe esta decisión estilística?
Son unha persoa que escoita música moi variada e diversa, considero que todos os estilos musicais son perfectos para comunicar. Por así dicilo, encántame xogar con eles como ferramenta para actualizar determinados aspectos da tradición e achegala aos nosos tempos a través de estilos máis contemporáneos. En certo modo pretendo ter ao oínte activo, participativo e atento.
6- Este ano celebrouse a segunda edición dos Premios Martín Códax da Música Galega. Por favor, danos a túa opinión sobre o feito de que se celebre este evento.
Considero que é necesario este tipo de eventos para facer visible a existencia e a actividade da Asociación de Músicos ao Vivo , sobre todo de cara ao exterior. Darse a coñecer como un sector que pretende ser cada vez máis forte e profesional.
7- Porque che parece bo que unha persoa se asocie a Músicos ao Vivo?
É o mellor xeito de visibilizar a nosa actividade. É necesario crear e alimentar un espazo onde intercambiar opinións, facer suxestións, contrastar e compartir experiencias, etc. Asociarse retroalimenta, canto máis forte é a asociación máis forte fai aos seus membros e viceversa.