imaxe da nova

How sad, how lovely: a historia de Connie Converse

imaxe do usuario Xestor Xestor
5 maio 2015

Hai mitos que teñen o don da oportunidade e chegan xusto no momento no que toca. E parece que a bela e triste historia de Connie Converse (veñan pola historia, queden pola música) chegou para reflectir a toda unha xeración en clave de folk lo-fi, lentes de pasta, cinseiros cheos e tristes cancións que soan a gran depresión, económica e da outra, da anímica.

Connie era unha muller intelixente e creativa á que lle foron mal unha chea de cousas. Filla dun modesto ministro baptista que loitaba pola abstemia nacional, naceu en New Hampshire en 1924 onde tivo unha infancia feliz na que a sucesión de xogos, obras de teatros e divertimentos tirados coma dunha película de Wes Anderson, combinábanse coa lectura da Biblia e os servizos dominicais ás que asistía cos seus dous irmáns. Sendo como era polímata, os estudos dábanselle moi ben e unha das súas bonitas poesías sobre un dos barbados pais da patria, Abraham Lincoln, puidose ler no diario local. Un logro só comparable a cando unha figuriña de plastilina que modelou co tema de Cristovo Colón descubrindo as Américas descansou durante meses nun dos andeis da biblioteca local, a Concord Public Library. No mesmo ronsel de logros académicos, na cerimonia de gradación do instituto saíu recoller doce premios e fóronlle entregados outros tantos emblemas que certificaban a excelencia nos campos das matemáticas, as palabras rimadas e as redaccións de tema libre.

Destacando no campo da excelencia, a señorita Converse pasou a estudar no college para señoriñas Mount Holyoke que becaba xenerosamente a alumnas como ela. Até o día en que se lle cruzaron os cables, embazáronselle as lentes e decidiu abandonar os estudos, dando o primeiro dunha serie de desgutazos aos señores Converse, para marcharse a Nova York nada menos que para se converter en música! A miope señorita Elizabeth Converse, coñecida a partir de entón como Connie, chegaba a unha cidade vibrante que se recuperaba duns anos 30 bastante duros, que miraba de esguello a Alemaña e tremía que a cidade sufrise un dos seus terribles e, neste caso, fantásticos ataques blitzkrieg. Entre prósperas ruínas norteamericanas da Segunda Guerra Mundial, entre as que florecían as oportunidades e os beatniks, Connie atopou curro en distintas editoriais fotográficas e académicas (unha delas pechada pola persecución comunista de McCarthy). Foi nese momento no que tentou comezar unha carreira musical, converténdose nunha proto-hipster, unha moderna, non ao estilo dos imbéciles que enchen os bares de torradas e de cafetarías de muffins (chámana muffin pero é unha madalena a tres euros), senón ao estilo das heroínas de The Group, a novela da gran Mary McCarthy: modernas, políticas, solitarias, sabichonas e, coma Connie, con moi mala estrela.

Mala estrela porque a Connie non a escoitou nin sequera seu pai, quen sempre se negou a estas moderneces, nin o seu noivo, porque nunca se lle coñeceu un, nin a súa noiva, porque non se esperaba aínda que até certo punto se intuía. A Connie, contados cos dedos dunha man, escoitouna o seu irmán Philip, e Gene Deitch, un veciño seu do Greenwich Village veterano da Segunda Guerra Mundial, debuxante e editor de música afeccionado que traballara entre outros con Pete Seeger, que tiña un aparatoso sistema de gravación e que ficou namorado da voz da borrachiña da súa veciña. Porque Connie, bebía, bebía tanto coma a filla dun abolicionista pode facelo, e fumaba, coma unha cheminea. E non só bebía, fumaba e ía a bares, senón que facía cancións feministas sobre todo iso en plenos anos 50.

Saíu, iso si, no “CBS Morning Show”, pero causou pouco impacto nunha escena chea de cantantes folks cunha aparencia máis política (Bob Dylan) e menos, digamos, de secretaria dunha revista académica que era exactamente o traballo de Connie Converse. En 1961, Connie dase por vencida no Greenwich Village e sen facer ruído fai as súas maletas para establecerse preto do seu irmán en Michigan (Ann Arbor), lugar onde iste prosperaba na vida académica e lle conseguira un traballo na académica Journal of Conflict Resolution da que chegou a ser editora e que aínda que lle proporcionou un traballo estable durante uns anos tamén provocou unha rutina na que afogarse e que alegraba a base de tabaco e alcohol. Tendo abandonado a música e preocupados pola súa saúde mental, que sufría especialmente por unha recente histerectomía (horrible palabro), os seus amigos pagáronlle unha longa estancia en Londres e a súa nai insistíu en realizar unha serie de escapadas xuntas que ela temía máis que unha tronada porque lle afastaban da botella e o tabaco. Precisamente unha excursión foi o detonante de todo: cando en 1974 a súa familia ao completo decidiu marchar uns días de vacacións aos lagos de Michigan, ela, moi próxima á cincuentena, decidiu aproveitar para facer limpeza xeral. Recolleu todo o seu apartamento, meteuno no seu coche e desapareceu da face da terra para sempre, non sen antes deixar unhas delicadas cartas de despedida nas que se congratulaba da desaparición da suada cara de Nixon da tele e do congreso.

E a partir de aí o silencio até que unha parella de rapaces que levaban unha discográfica ouviron nunha das radios públicas de Nova York unha entrevista a Gene Deitch, o veciño de Connie, que se convertera nun animador de éxito (gañou un Óscar por Munro, a historia dun neno de 4 anos que por equivocación é alistado no exercito), que agora residía en Praga e que, levado pola súa afección de produtor musical, tiña unhas gravacións de John Le Hooker en pantalóns curtos polas que gañara tamén recoñecemento. Nese programa de radio no que soou Hooker colouse tamén unha canción de Connie. David Herman e Dan Dzula, os mozos da discográfica Squirrel Thing (nome que provén dunha das cancións de Connie, "Talking like you", "that squirrel thing") escribiron a Gene, e xunto ao irmán dela e depositario tamén de moitas das súas cancións decidiron pór en pé o disco de Connie que nunca ninguén escoitou e que agora se pode escoitar e descargar enteiro nesta dirección: http://connieconverse.bandcamp.com/

Artigo orixinal: http://palomitasenlosojos.com/2013/09/06/how-sad-how-lovely-la-historia-de-connie/

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información