A problemática actual sobre a música ao vivo en Galicia e a súa solución, como tod@s sabemos, pasa por elaborar unha nova lei de espectáculos. Redactar unha lei é función dos partidos políticos con representación parlamentaria, pero se esa lei se elabora á marxe dos colectivos afectados, está chamada ao fracaso. O propio é que as forzas políticas se poñan ao tanto das necesidades deses colectivos para que queden reflectidas na lei e finalmente esta sirva como instrumento regulador en beneficio de todos os sectores implicados. No que a esta lei respecta, os colectivos afectados serían os concellos, as salas organizadoras de espectáculos, a hostelaría, é por suposto nós, @s músic@s e demáis traballadores das artes escénicas.
MAV leva tempo reclamando esta nova lei (ou as modificacións que foren precisas na existente), para que quede definitivamente resolta esta situación de incerteza na que estamos actualmente desenvolvendo a actividade musical ao vivo, e agardamos que non se demore máis.
Queremos aproveitar esta editorial para pornos ao dispor do poder lexislativo autonómico no que for preciso a este respecto. Damos por sentado que se contará connosco e o resto de asociacións e colectivos que representan ao sector para elaborar unha lei que nos sexa útil durante moitos anos.