"A asociación Músicos ao Vivo (MAV) quere facer público o seu posicionamento a raíz da decisión da CRTVG de mudar as condicións de emisión do programa Planeta Furancho.
- Dende o primeiro momento MAV procurou a información detallada e o posicionamento de todas as partes implicadas para atopar a mellor resolución.
- Segundo informa a Radio Galega teñen a intención de manter a emisión do Planeta Furancho na programación da vindeira tempada. Aínda non sabemos en que termos e baixo que dirección.
- O caso concreto de Planeta Furancho non veu máis que a evidenciar unha eiva endémica na atención dos medios de comunicación públicos galegos ás artes en xeral e á música en particular, con espazos insuficientes e claramente subestimados. Esta eiva é aínda máis grave cando existe unha canle adicada especificamente á programación musical.
- Co obxectivo de corrixir esta situación MAV continuará a colaborar coa dirección de programas da CRTVG coa fin de acadar os espazos de emisión que a música e os ouvintes merecen e esixen do ente público que lles é propio.
- MAV manterase atenta aos compromisos da CRTVG e apela ao seu respecto e sensibilidade cara @s artistas galeg@s e ás súas obrigas como servizo público de dar promoción, difusión e impulso a todas as expresións culturais do país.”