A Asociación Músicos ao Vivo contará co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento da primeira edición do Festival Premios Martín Códax da Música que terá lugar os vindeiros 15, 16 e 17 de outubro en diversos espazos de Santiago de Compostela. Así o recolle o convenio que veñen de asinar este mediodía a presidenta da Asociación de Músicos Ao Vivo, Iria Piñeiro e o director da AGADIC, Jacobo Sutil.
A iniciativa, para a que se contará coas actuacións de artistas e grupos gañadores das anteriores edicións destes galardóns galegos da música, supón o arranque dunha terceira edición que chegará cargada de novidades en canto a calendario e requisitos para participar na convocatoria.
Concertos e encontros profesionais
Mediante este acordo, a Agadic reitera o seu apoio á difusión dos Premios Martín Códax da Música a través de iniciativas encamiñadas a que sexan socialmente recoñecidos como os principais galardóns do sector musical galego. Con esta mesma finalidade e no caso do festival previsto para este outono, xunto coa programación de concertos, organizaranse encontros profesionais, coloquios e diferentes accións promocionais.
A Asociación Músicos ao Vivo puxo en marcha estes premios en 2013 co obxectivo de recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como o seu potencial como industria e motor económico. A través deles promóvese o traballo dos músicos galegos tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, ademais de descubrir novos talentos e de lle achegar ao público a música e o seu proceso de produción.