Davide Salvado é, sen dúbida, unha das voces máis carismáticas do noso país. Leva media vida percorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando aprendeu non só a tradición na música senón tamén todo un xeito de vivir. Agora atópase inmerso na promoción do seu novo disco, “Lobos”, producido por Pedro Pascual (Talabarte, Marful), no que Davide se ve arroupado por músicos do tamaño de Santi Cribeiro (arranxista de moitos dos temas), Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Berrogüetto), Miguel Hiroshi ou LAR Legido (Sumrrá), entre outros.
- Cales son as expectativas que tes para este novo traballo?
O obxectivo é que chegue a todo tipo de público. Non só ás persoas que gostan da World Music.
- Está nos teus plans mover “Lobos” polos escenarios do estranxeiro? É complicado xestionar e conseguir actuacións fóra de Galicia?
Esa é a miña idea. Ademáis, agora mesmo, é máis doado fóra do país. A música galega está máis valorada no estranxeiro, desgraciadamente.
- De que xeito os lobos inspiran este disco?
'Lobos' é unha metáfora, é un todo. Son, neste caso, o noso patrimonio que temos que defender. Os lobos son fundamentais para os nosos ecosistemas, a nosa música tamén para nós. É parte da nosa identidade.
- O ano pasado foches gañador na categoría de Música Tradicional nos Premios Martín Codax da Música 2014, como foi esa experiencia?
Foi un agradacemento por parte dos compañeiros do gremio. Foi bonito para min ter o recoñecemento das persoas que máis coñecen este mundo.
- Que te moveu a facerte socio de Músicos ao Vivo?
En tódolos gremios, as persoas deberiamos estar asociadas. É preciso estar unidos para defendermos os nosos dereitos. Ademáis, agora mesmo, facilita moito poder facturar sen necesidade de facerse autónomo.
- Que desentoa para ti no panorama musical actual?
As administracións non están a levar a cabo políticas en prol da nosa cultura. Tampouco o están a facer coa nosa música. Ademáis, outros colectivos como as comisións de festas, asociacións de veciños, etc. tampouco teñen en conta a nosa cultura á hora de programar as festas parroquiais. É necesario que tanto a sociedade galega como as administracións non esquezan a nosa identidade.