A presentación do I Festival Premios Martín Códax da Música tivo lugar o pasado xoves, 1 de outubro en Santiago de Compostela.
A orquestra Vigo 430 realizou un flashmob na Praza da Quintana, interpretando dúas pezas, e acto seguido realizouse a rolda de prensa de presentación na Barra Atlántica, coa participación de responsables de Músicos ao Vivo, das bodegas Martín Códax, do Agadic e do Concello de Compostela. Como fin de festa, a actuación de Davide Salvado.
Este festival vaise celebrar en escenarios tan emblemáticos da cidade de Santiago coma o Salón Teatro, o Teatro Principal, a Sala Capitol, o CGAC ou a Zona C. Pero tamén lugares como a Praza de Abastos e a Quintana terán o seu protagonismo. Para levar a cabo todo isto contamos co patrocinio e apoio das Bodegas Martín Códax, o Concello de Santiago, a TVG, a RG, e a Cadena SER.