Despois da xornada de presentación do pasado día 1 de outubro, chegan as xornadas intensivas do Festival Premios Martín Códax da Música, os días 15, 16 e 17 de outubro en Santiago de Compostela, onde poderemos escoitar os traballos de todos aqueles que foron premiados na última edición.
Este festival vaise celebrar en escenarios tan emblemáticos da cidade de Santiago coma o Salón Teatro, o Teatro Principal, a Sala Capitol, o CGAC ou a Zona C. Pero tamén lugares como a Praza de Abastos e a Quintana terán o seu protagonismo. Para levar a cabo todo isto contamos co patrocinio e apoio das Bodegas Martín Códax, o Concello de Santiago, a TVG, a RG, e a Cadena SER.
A xornada inicial a abriremos cun interesante coloquio sobre a situación da música ao vivo en Galiza, que terá lugar no Zona C de Bonaval o xoves 15 de outubro ás 19:00h. O resto do programa podedes seguilo aquí.
Como xa vimos anunciando dende hai un tempo, as datas do proceso de votación e a gala final da vindeira edición dos Premios Martín Códax da Música adíanse até a primavera do 2016. Dende MAV tomouse esta decisión despois de considerar varios factores, aos que este ano hai que engadir a coincidencia co proceso electoral no mes de decembro, xusto nas datas nas que se viña celebrando a gala.
Estades tod@s convidad@s e, por suposto, contamos convosco para que espalledes todo o que vaiamos publicando nas redes sociais e entre tod@s consigamos facer que o festival sexa un éxito e unha auténtica festa da música galega.