O cesamento dos concertos no Heliogàbal pasou de ser o problema dun pequeno bar do barrio de Gràcia a converterse na punta do iceberg dun asunto que afecta á música en vivo da cidade. O novo consistorio é consciente diso. Tanto, que dende setembro no ICUB hai unha oficina técnica que traballa nun plan estratéxico de cultura a dez anos vista que, no apartado musical, abarcará desde a relación que debe ter a cidadanía coas institucións culturais, até a relación da cidade con grandes festivais como o Sónar, o Primavera Sound, o Grec e o BAM, pasando por unha nova normativa referente á música na rúa.
Con todo, o tema dos bares que programan música en vivo sen ter unha licenza específica para iso estaloulles nas mans e agora trabállase contrarreloxo para resolver a situación dunha vez por todas. Daniel Granados, guitarrista do grupo Tarántula e fundador do selo discográfico Producciones Doradas, é o asesor externo do ICUB que a comisionada de Cultura do concello, Berta Sureda, escolleu para explorar o terreo e presentar un plan. E entre as súas liñas mestras está a de deixar de entender a música ao vivo como un problema a resolver e recoñecela como un patrimonio e un beneficio para a cidade.
PÁRAMO LEGAL
Para Granados, "a problemática existe dende hai anos porque non hai unha normativa que recoñeza esta actividade e iso deixa aos bares nun páramo legal suxeito á presión policial de cada momento". A intención é crear a normativa que recoñeza esa actividade e que ampare a estes locais. Para iso Patricia Vila, avogada da Associació de Sales de Concerts de Catalunya (ASACC), está a analizar a situación xurídica para realizar un cambio na normativa municipal que "está moi preto", di Granados, e que non tope coa normativa da Generalitat e a do Estado.
Este cambio de normativa resolvería o problema de moitos espazos que cesaron recentemente a súa actividade ou que temen polo seu futuro. En función dos parámetros que marque esta normativa e da cantidade de locais que queiran acollerse a esta norma, o cambio lexislativo podería beneficiar a 30 ou máis espazos. Esta normativa non só protexería locais históricos como o Heliogàbal, o London ou o Big Bang senón outros como Freedonia ou El Arco de la Virgen que nin sequera teñen licenza de bar.
TRAXECTORIA RECOÑECIDA
O obxectivo non é que a normativa "sexa un mecanismo de resolución de conflitos" senón "facer un recoñecemento público e fomentar a música en directo". Por iso o ICUB está a desenvolver unha etiqueta que ampare estes locais, "un selo que recoñeza unha actividade que o concello considera boa para a cidade" e que se aplicaría a "lugares recoñecidos pola súa traxectoria de difusión musical, pola súa relación co tecido local e cos músicos do barrio e que non tivesen unha relación traumática coa veciñanza", explica Granados. E paralelamente está a elaborarse unha lista de cantos espazos son susceptibles de entrar nesta categoría.
A normativa e o mapa de locais irán acompañados dunha "mesa de mediación en conflitos que se reúna cada 15 días ou unha vez ao mes para analizar como avanza o proceso", engade Granados. "Nesta mesa estarán o ICUB e a ASACC, pero tamén teñen que estar a Garda Urbana e as asociacións de veciños da cidade. E, talvez, até asociacións de comerciantes de proximidade", apunta. Deste xeito iranse resolvendo sobre a marcha os problemas que poida xerar a nova regulación.
REUNIÓNS CRAVE
Carme Zapata, xerente da ASACC, denuncia que ningún goberno anterior tivo sequera un proxecto para a música en vivo. "Temos unha boa escena local e temos catro escolas superiores de música das que cada ano saen músicos a fartar. Pero os clubs están a morrer", lamenta. Dende distintos recunchos da cidade, como o Heliogàbal de Gràcia, o Eix Cultural Emergent de Ciutat Vella e o barrio de Sant Antoni, está a presionarse cada vez máis para resolver unha situación que ten amedrentados aos pequenos espazos de difusión musical. Granados asegura que a próxima semana hai convocadas varias reunións crave.
Carles Sala, do ICUB, engade que todo parte dunha "percepción equivocada da música como un problema". Neste sentido, a aposta do novo concello é dar a volta ao argumento. "Non é resolver un problema a partir da normativa senón, a partir dunha nova normativa, facer un programa en positivo da música en directo en Barcelona. E facer pedagoxía diso. Non pode ser que unha cidade que fai bandeira de festivais como Sónar e Primavera Sound non poida facer bandeira de todo o tecido de pequena e mediana escala", insiste Granados.
Tanto os pequenos locais como a ASACC ven no concello entrante "unha vontade política", pero os días pasan e o temor a recibir unha inspección non desaparece. Por iso, locais como Robadors 23 piden unha moratoria ata que chegue a lei. Así poderían seguir traballando sen o medo a unha visita de oficio da Garda Urbana. Porque o medo existe e é tanto que algún local nin sequera quixo opinar neste artigo.
(Fonte: Nando Cruz, www.elperiodico.com)