Os músicos e músicas da Coruña vimos de crear a delegación de Músicos ao Vivo na nosa cidade e estamos a traballar con ilusión e constancia para mellorar as condicións e dar maior visibilidade e calidade ao noso traballo. Este é o noso manifesto fundacional:
A CORUÑA É A MÚSICA
A Coruña ten unha relación intrínseca coa música. Aquí foi onde se gravou o primeiro disco galego en 1904, onde tivemos a primeira tenda de música en Galicia, onde naceron e se criaron artistas de sona internacional e cunha tradición que abrangue dende a música clásica ata o folque, pasando polo rock ou mesmo o pop. A Coruña é cidade mariñeira e tamén peirao de músicas e músicos que se achegan a calquera recanto do mundo.
Hoxe en día a música e o músico da cidade viven unha situación crítica debido a que se traballa sen un marco normativo actualizado e cunha gran precariedade laboral. Isto xera inseguridade así como a necesidade d@s artistas de compaxinar a música con outros traballos, ou ben a de emigrar na busca dun futuro mellor. Na nosa cidade, en ocasións chega a considerase a música coma un xeito de mendicidade e @s músic@s móvense fóra do legal.
É por isto que nos reunimos @s músic@s da Coruña, para pedir dignidade e respecto pola nosa profesión. Somos compositores e intérpretes, executantes, docentes, amantes da música... Somos cultura e paixón, somos industria e facemos cidade. Porque a música tamén é un traballo, traballamos co pentagrama, coas cordas, co aire, coas ondas e os sons, coas melodías e co espírito humano.
Como todo traballo, require dun esforzo grande para chegar a desempeñalo, anos de estudo, de ensaios, de empregos non remunerados, de toda unha vida de dedicación, e esa vida tamén require mantemento, alugueres, facturas, etc.
A música sen dúbida é unha parte importante e activa da nosa comunidade, do noso día a día, de quen somos como cidadáns da Coruña, de aí que sexa prioritario escoitar os nosos requirimentos:
- Queremos un marco legal no que poder traballar con garantías. Queremos un sistema de contratacións estable, digno e de confianza, tanto privado como público.
- Queremos deixar de ser traballadores/as en B.
- Queremos que exista un Estatuto do Músico e que se cumpran as obrigas e dereitos do Estatuto dos Traballadores (salario mínimo, cotización á seguridade social, cobertura sanitaria, ...)
- Queremos o apoio das institucións tanto na cidade como na área metropolitana.
- Queremos que se integre e recoñeza o noso rol na comunidade.
- Queremos ser ese motor económico que outrora moveu esta e outras cidades europeas.
- Queremos dignidade e respecto para a nosa profesión.
Se ti que estás lendo este manifesto cres que o que pedimos é xusto e que xa
debería ser así dende fai moito tempo, axúdanos co teu apoio a acadalo xunt@s, porque
somos concidadáns, somos os teus veciños e as túas veciñas, somos os músicos e as
músicas da túa cidade:
Somos Músicos ao Vivo Coruña!
facebook.com/mavcoruna
coruna@musicosaovivo.com