imaxe da nova
Institucións amigas

Discurso Directiva Músicos ao Vivo - Gala PMCM 2016

imaxe do usuario Xestor Xestor
9 maio 2016

“Isto é contra os paraísos artificiais. É contra o artificio”. Así comeza un poema do poeta Dani Salgado.

Para nós, isto é necesario porque é necesario facer gremio, facer equipo. O traballo que fai Músicos ao Vivo pretende dar pulo á dignificación e o respecto cara o oficio da música, e ademáis, servir como lugar de encontro e convivencia entre profesionais que compartimos intereses comúns, porque o asociacionismo é un factor imprescindible para defender os nosos dereitos e unha alternativa lóxica nun momento no que todas as antigas estruturas foron caendo coa escusa da crise. Nunha época na que moitos consideran que a música non se sostén por si soa ou que é un sector deficitario, Músicos ao Vivo reafírmase como interlocutora coas institucións para reivindicar o papel dun sector que en outros países é considerado estratéxico.

Nestes últimos anos vivimos un desmantelamento progresivo do ensino das artes e as humanidades no noso sistema educativo da man da famosa LOMCE, precisamente cando máis estudos demostran as múltiples vantaxes da música e outras disciplinas artísticas na educación dos nosos nenos e nenas. Moitos dos músicos que están hoxe aquí, adican unha boa parte do seu tempo ao ensino da música en escolas, institutos e centros privados, e grazas ao seu esforzo, escasamente apoiado dende as institucións, están indo cara adiante agrupacións musicais cada vez de máis calidade.

Pero iso non abonda. Precisamos que os medios de comunicación públicos axuden a difundir a nosa música, a música feita en Galicia, dunha forma máis activa. Faltan programas de radio e televisión que estimulen ao público a consumir música ao vivo. Falta unha emisora pública, que como ocorre noutros lugares, estea adicada en exclusiva á música, e en especial á música galega, con contidos e programas que amosen o que se está a facer en Galicia, en tantos lugares e de tantos estilos diferentes, como demostran os máis de 450 proxectos inscritos este ano nestes premios.

Entre eses proxectos hai que destacar a presenza cada vez maior das mulleres, non só como cantantes (onde sempre arrasaron), senón tamén como instrumentistas ou compositoras. Afortunadamente, os grupos formados unicamente por mulleres xa non son algo exótico, senón algo tan normal coma un grupo formado só por homes. De todos modos, queda moito traballo por facer neste sentido, pois os vellos patróns de conducta patriarcais, aínda que fráxiles, todavía se manteñen en pé.

As palabras deste discurso, en gran parte, saen das socias e socios de Músicos ao Vivo. Son sensacións expresadas en moitas das entrevistas que facemos para o noso boletín mensual. Son o reflexo do sentir dunha parte importante de nós que vemos con preocupación como cada ano pechan locais con programación musical por problemas derivados da inexistencia dunha lei de espectáculos que regule e protexa debidamente a actividade da música ao vivo. Unha lei que, ademais de tratar os lóxicos problemas de seguridade e orde pública coa proporcionalidade debida, debería servir de estímulo e apoio a ese torrente de creatividade musical que, cada vez máis, precisa de espazos para desenvolverse. Unha lei que debe ser redactada coa participación fundamental deste colectivo para que sexa realmente útil e duradeira.

Por estes motivos e outros que non da tempo a citar agora pero que todos e todas coñecemos de cerca no noso día a día profesional, é necesaria esta Asociación.

Hoxe estamos aquí unha nova xunta directiva que traballa arreo para estar ao nivel da anterior. Dende Músicos ao Vivo, e coa participación cada día máis activa das seccións creadas na Coruña e Santiago, e da recén creada sección de Jazz, estamos afrontando novos e importantes retos que poden significar un cambio de rumbo na asociación e no tecido musical galego. Por iso a vosa participación, estímulo e alento é vital para nós.

E xa para rematar, lembremos que esta noite, o que temos que celebrar, sen complexos e orgullosos, é, nada máis e nada menos que a festa da música ao vivo, coa que queremos demostrar unha vez máis que “Isto é contra os paraísos artificiais. É contra o artificio.”

Grazas. Viva Músicos ao Vivo!

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información