Vimos de celebrar o Día da Muller Traballadora, e non queriamos deixar pasar a oportunidade de falar da Muller Músico, que tamén é traballadora, e ademáis, unha figura moi recente.
No ámbito laboral en xeral, a muller tardou en asumir o seu papel activo. Poder traballar, cobrar e ser considerada igual ca o home. Aínda a día de hoxe seguimos a loitar por equiparar as condicións de homes e mulleres. O mundo laboral foi territorio de homes até hai relativamente pouco. Isto é especialmente patente no mundo da música clásica. O funcionamento das orquestras e a tradición que envolve esta profesión dificultou enormemente a presenza de mulleres músicos. Ser músico profesional era cousa de homes, as orquestras estaban formadas por homes, dirixidas por homes, e os grandes solistas eran homes. De feito, as orquestras máis prestixiosas do mundo tardaron en aceptar a presenza de mulleres nos seus atrís.
Na Filarmónica de Viena non se permitíu a entrada de mulleres como membros da orquestra até o ano 1997. Aínda que até entón había algunhas mulleres que tocaban na orquestra, non gozaban dos dereitos laborais que lle correspondían a un membro de pleno dereito. Moitos músicos da orquestra e mesmo directores posicionáronse públicamente en contra da presenza de mulleres na Filarmónica.
Nunha entrevista realizada en febreiro de 2003, Peter Schmidl, Xerente de Negocios da Filarmónica de Viena, recoñeceu que unha terceira parte da orquestra aínda se opoñía á admisión de mulleres. Nese mesmo mes, un membro da orquestra declarou á revista austríaca Profil: “Tres mulleres xa son demasiadas. No momento que teñamos un vinte por cento estragarase a orquestra. Cometemos un grave erro, e ímonos arrepentir amargamente”.
Outra das grandes orquestras que deu o século XX, a Filarmónica de Berlín, protagonizou un forte escándalo relacionado coa admisión dunha muller nas súas filas. Aínda que no ano 1982 xa incluía unha muller como membro -Madeleine Carruzzo, violinista- a polémica desatouse pola teima de Karajan de admitir a unha xove clarinetista de 23 anos, Sabine Meyer. Aínda cos músicos en contra, Karajan impuxo a contratación da clarinetista. Meyer aguantou en plantilla un ano, até que se viu obrigada a abandonar a orquestra polo acoso laboral que sofría por parte dos seus compañeiros. Con todo, ten demostrado o seu talento como solista de renome.
Outro caso se cadra menos coñecido foi o da trombonista Abbie Conant, que se presentou a unhas audicións para primeiro trombón da Filarmónica de Munich. Estas audicións realizábanse detrás dunha cortina, polo que o tribunal non puido saber até o final que a aspirante elexida era unha muller. Tras moito debater, asignáronlle o posto de segundo trombón, non de principal. Connat denunciou o caso ante os tribunais e gañou, polo que obtivo o posto que lle correspondía.
As audicións con cortina/pantalla: Para evitar decisións polémicas, moitas orquestras optaron por este método para seleccionar candidatos. Así evitaban problemas de machismo, racismo e calquera outro prexuizo que poidese afectar á súa decisión. Moitas das principais orquestras rexeitaron o seu uso durante anos.
Muller e directora
Grazas á loita de moitas mulleres, a situación ten mellorado notablemente e as mulleres teñen acceso a postos de orquestra con tanta facilidade coma os homes. Así e todo, se existe un ámbito da muller músico aínda por conquistar é a de dirección de orquestra. Como ocorre noutras profesións, é máis difícil ver a mulleres que a homes en postos de responsabilidade. Pablo L. Rodríguez escribiu en El País sobre o importantísimo papel que están a ter as mulleres desta xeración, achaiando o camiño para que a muller por fin tome as rendas dunha orquestra e teña un posto decisivo como músico.
As orquestras foron territorio de homes, polo que a dirección foi tamén un posto reservado a eles. Certo é que se contabilizamos a cantidade de homes e mulleres que son directores de orquestra, atopámonos cunha desproporción aínda excesivamente alta. Como afirma Lara Riesta en ABC: “Entre os dez directores máis célebres do mundo non hai ningunha muller”. Aínda queda moito camiño por andar e algunhas mulleres amósanse máis optimistas e outras menos. Sari Mason, concertino en dúas das orquestras máis relevantes de México, di: “Si, ás veces hai máis retos para a muller que para o home pero na arte nada é cuestión de xénero”. Pola súa banda, Speranza Scappucci opina: “Se un director sabe o que quere e ten unha visión clara, a orquestra ségueo, non importa que sexa home ou muller”.